Impulsan unha senda peonil entre Noalla e A Lanzada co Pazo de Quintáns como eixo

Sanxenxo
08 de xuño 2021

Así o anunciaron de xeito conxunto a Deputación de Pontevedra, o Concello de Sanxenxo e a Delegación do Goberno en Galicia. A senda, que terá 1,2 quilómetros, irá desde a igrexa de Santo Estevo ata o acceso á praia da Lanzada. Ao mesmo tempo tamén se mellorará a seguridade pola estrada EP-9212

Presentación da senda Noalla-A Lanzada no Pazo de Quintáns
Presentación da senda Noalla-A Lanzada no Pazo de Quintáns /

Tras a rehabilitación do Pazo de Quintáns, na que se investiron preto de 2 millóns de euros, toda esta zona actuará como eixo cunha senda peonil que unirá Noalla e A Lanzada.

Así o anunciaron de xeito conxunto a Deputación de Pontevedra, o Concello de Sanxenxo e a  Delegación do Goberno en Galicia, as tres administracións que colaboran na recuperación deste espazo patrimonial, todo un emblema do municipio.

A senda, que terá 1,2 quilómetros, irá desde a igrexa de Santo Estevo ata o acceso á praia da Lanzada. Ao mesmo tempo tamén se mellorará a seguridade pola estrada EP-9212.

O proxecto ten un orzamento de 910.606 euros, que se financiarán a través dun convenio entre a Deputación e o Concello. A previsión é licitar xa en breve a actuación, que terá un prazo de execución de seis meses.

A senda peonil terá un mínimo de 2,5 metros de ancho e descorrerá pola marxe dereita da estrada e paralela ao seu actual trazado en plataforma única, salvo en tres zonas onde vai ser necesario facer plataformas de convivencia, con prioridade para peóns e nas que haberá medidas de calmado de tráfico e redución da velocidade.

Tamén se prevé a execución do reforzo do firme na plataforma e a renovación da sinalización horizontal e vertical.

Na zona do Pazo de Quintáns haberá unha serie de actuacións, que permitirán integrar elementos orixinais da edificación coa senda e plataforma de convivencia proxectadas, como a restauración do lousado orixinal de granito, a recuperación da cuneta perimetral do muro de peche e a resolución do encontro entre os pavimentos de pedra e formigón mediante a interposición dun bordo de pedra da mesma variedade litolóxica que as lousas existentes.

O alcalde, Telmo Martín, destacou que tras a rehabilitación do pazo, a nova fase deste proxecto "vaille dar moito máis valor a esta contorna" ao converter esta estrada nunha zona acondicionada para o desfrute da veciñanza.

Amais de comezar a programar visitas a Quintáns entre a veciñanza e as asociacións de Noalla, o Concello quere tamén avanzar na musealización da contorna da ermida da Lanzada, dentro da súa aposta por captar turismo ao longo de todo o ano.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, sinalou que o Pazo de Quintáns "é unha verdadeira xoia do patrimonio que merecía que fixéramos unha actuación potente" e subliñou que esta contorna "precisaba este espazo público no que os peóns sexan o centro de todo".

Silva celebrou que Sanxenxo e outros concellos da provincia se teñan acollido "con paixón" a este modelo provincial de mobilidade e engadiu que tanto a mellora do Pazo de Quintáns como a nova senda van ser puntos de referencia para "atraer xente a Sanxenxo durante todo o ano a través dun turismo pluriexperiencial e emocional". 

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, quixo destacar a colaboración das tres administracións neste proxecto porque "sumar sempre é o camiño" para poder seguir construíndo un territorio mellor. "Auguro moito futuro a este pazo", concluíu.