Impulso á segunda fase de mellora da accesibilidade na Rúa Aquilino Iglesia de Vilagarcía

O Salnés
16 de xuño 2026
Actualizado: 17:53

A segunda fase do acondicionamento desta vía principal dos Duráns ten un orzamento de 135.000 euros, con financiamento a cargo do Plan +Provincia da Deputación

Responsables de Concello de Vilagarcía e Deputación visitan a Rúa Aquilino Iglesia
Responsables de Concello de Vilagarcía e Deputación visitan a Rúa Aquilino Iglesia / Deputación de Pontevedra

O Concello de Vilagarcía e a Deputación de Pontevedra puxéronse de acordo para impulsar a segunda fase da mellora da accesibilidade na Rúa Aquilino Iglesia.

Nunha visita á zona o deputado provincial Javier Tourís confirmou que este venres a Xunta de Goberno de Deputación aprobará unha axuda de 135.000 euros a cargo do Plan +Provincia para financiar a actuación.

O goberno local unha vez liberados os fondos avanzou que se poñerá a traballar "de inmediato" dos pregos para sacar a licitación as obras.

A intervención prevista permitirá mellorar o acceso rodado, pero sobre todo a accesibilidade peonil e a seguridade das persoas.

Para iso a idea é ensanchar a vía mediante o retranqueo do muro da leira situada fronte ao parque infantil. Deste xeito, manterase a mesma liña que a alcanzada no primeiro tramo da rúa, cuxa estética se manterá creando unha vía de plataforma única.

O proxecto prevé tamén a renovación das redes de saneamento para adaptalas ás necesidades do barrio, e instalaranse canalizacións para enterrar os tendidos eléctricos e de telecomunicacións, mellorarase a iluminación pública con tecnoloxía LED e colocaranse bancos.

"Este é un barrio moi densamente poboado e que, pese a estar en pleno centro da cidade, semellaba estar lonxe debido aos malos accesos que tiña", explicou a concelleira de Mobilidade, Paola María.

Con actuacións como a humanización da rúa Duráns, da primeira fase de Aquilino Iglesia e agora con esta, "queremos resolver esta situación, conectar debidamente este lugar coa trama urbana e proporcionarlle á veciñanza que reside aquí todos os servizos e comodidades que merecen", sostivo.

O Concello de Vilagarcía lembrou ademais que paralelamente á segunda fase de mellora da accesibilidade na zona, está a xestionar o financiamento necesario para construír un segundo aparcamento disuasorio en Duráns, na leira que linda con o tramo de rúa na que se vai a intervir.

Este novo disuasorio permitirá habilitar 120 prazas de estacionamento público.