Un incendio intencionado afecta a 1,7 hectáreas no límite entre Cuntis e A Estrada

Umia
23 de marzo 2026

O lume iniciouse ás 12:07 horas no lugar de Ferreiros e requiriu a intervención de medios aéreos e terrestres

Incendio forestal en Arcos de Furcos (Cuntis)
Incendio forestal en Arcos de Furcos (Cuntis) / Concello de Cuntis

Un incendio forestal rexistrado este luns 23 no lugar de Ferreiros, pertencente á parroquia de Arcos de Furcos (Cuntis), afectou a unha superficie de 1,7 hectáreas.

Segundo informou o Servizo Municipal de Emerxencias, o lume orixinouse nunha zona situada no límite entre Cuntis e o concello da Estrada e os indicios apuntan a que foi un acto intencionado.

A alerta oficial produciuse ás 12:07 horas, momento no que se activou o protocolo de extinción.

Para combater as lapas desprazáronse ata o punto diversos efectivos, entre os que se atopaban a Garda Civil de Cuntis, un axente forestal e dúas brigadas da Consellería do Medio Rural.

O operativo contou co apoio técnico de dúas motobombas, unha de Medio Rural e outra do Concello de Cuntis, e a intervención dun helicóptero para realizar descargas de auga dende o aire.

Efectivos que participaron na extinción do incendio forestal en Cuntis
Efectivos que participaron na extinción do incendio forestal en CuntisConcello de Cuntis

O alcalde da localidade, Manuel Campos, tamén acudiu ao lugar do suceso para seguir de preto a evolución dos traballos de control e extinción.

A rápida intervención dos medios permitiu perimetrar o incendio nunha das primeiras xornadas do ano onde se rexistraba tempo seco e temperaturas superando os 20 graos na comarca.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora