Parecía o inicio dunha novela ou dunha película de ciencia ficción, pero non. Esta vez era 100% real, un apagamento xeneralizado en toda a rede eléctrica de España e parte de Europa sacudiu, como non podía ser doutra maneira, a toda Pontevedra e a toda a comarca deixando imaxes, canto menos, curiosas.
Con todas as luces de comercios, oficinas e locais apagadas, traballadores, clientes e veciños saíron á rúa para tentar saber que ocorría.
Enseguida, pendentes todos dun teléfono que só funcionaba inicialmente con mensaxes de aplicacións de mensaxería e cun internet moi limitado, empezaban a escoitarse comentarios sobre a magnitude da incidencia e até onde chegaba.
Os máis rápidos, pensando nunha hora para comer que estaba xa próxima, non tardaron en concentrase en establecementos de comida preparada para facerse co que puidesen e pensando que na casa, coa súa instalación eléctrica, pouco podían facer. Tamén en panadarías, na busca de empanadas, ou nalgúns supermercados que seguián funcionando a duras penas.
O problema, só se atendía con pago en efectivo, xa que a rede de pagamento con cartón de crédito tampouco funcionaba, o que facía que moitos tivesen que resignarse.
Clientes en salóns de peiteado a medio tratamento, citas en hospitais canceladas e medios de transporte parados.
As esperas na estación de tren levaban consigo certa resignación pero tamén comentarios con humor. "É temporal ou imos morrer todos?", preguntaban entre risas algúns pasaxeiros.
Outros, nas numerosas terrazas da cidade non paraban de comentar detalles sobre o que estaba a pasar mentres apuraban as súas bebidas, co bar ás escuras e falando do famoso 'kit de emerxencia' que hai pouco era suxerido polo Goberno como unha opción a ter en conta en todos os fogares.
Até nos colexios moitos pais corrían para recoller aos seus fillos antes de tempo xa que os servizos escolares de comedor facían o que podían servindo "pan, froita e yogurt", porque ningún sector escapaba da situación xeral.
Unha xornada que bo seguro tardará de esquecerse, pero non só en Pontevedra.