Incremento dun 22% na afluencia de turistas á rede de información municipal durante 2014

Pontevedra
19 de decembro 2014

Segundo os datos a 15 de decembro, 66.324 visitantes solicitaron información turística da cidade durante o presente ano, con picos de maior afluencia durante os meses de verán

Turistas chineses no Congreso Internacional da Camelia Deputación de Pontevedra

A afluencia de turistas a Pontevedra incrementouse considerablemente durante 2014, deixando datos positivos nas estatísticas que manexa a rede municipal de información turística.

Segundo estes datos ata o 15 de decembro 66.324 visitantes solicitaron información sobre a cidade nalgún destes puntos, o que supón un incremento de 22% con respecto ao 2013.

Os picos de maior incremento de turistas rexistráronse en agosto (+24%) e setembro (+40%).

A Casa da Luz foi o punto que prestou maior atención cun total de 27.386 visitas, seguida da caseta da Praza de España con 26.829 e a estación de tren con 12.109 persoas atendidas.

Case o 80% de todos estes visitantes eran de orixe nacional (52.796), predominando os chegados dende Madrid, mentres que Portugal domina na lista dos turistas estranxeiros.

A tendencia sinala ademais que os visitantes españois chegan repartidos ao longo de todo o ano, mentres os foráneos se concentran nos meses de verán, pasando a noite o 26% deles na capital.

Para a concelleira de Turismo, estes datos refórzanse coa alta ocupación derivada dos diversos campionatos deportivos e os eventos organizados ao longo do ano.