Informes desfavorables da Xunta sobre os parques eólicos de Siroco e Tramontana

Cerdedo Cotobade
02 de xullo 2021

O Concello de Cerdedo-Cotobade amosa a súa satisfacción por este informe feito púlbico pola Subdirección Xeral de Enerxía da Xunta de Galicia, que manifesta que esta ubicación para los parques incumpre o Plan Sectorial Eólico de Galicia

Jorge Cubela amosa o informe desfavorable da Xunta aos parques eólicos de Siroco e Tramontana
Jorge Cubela amosa o informe desfavorable da Xunta aos parques eólicos de Siroco e Tramontana / Concello de Cerdedo-Cotobade

A Xunta de Galicia informou desfavorablemente, antes de finalizar o período de exposición pública, a través da Subdirección Xeral de  Enerxía sobre a creación dos parques eólicos de  Siroco e Tramontana, que afectan ao Concello de Cerdedo-Cotobade.

Desde a administración autonómica alegan que gran parte das infraestruturas previstas para garantir o funcionamento destes parques eólicos se realizaría fóra da normativa establecida polo Plan Sectorial Eólico de Galicia.

O parque eólico Siroco, de 61,6 MW, que promove Greenalia Wind Power Siroco, pretende a instalación de 11 aeroxeradores de 5.600 kW cada un, cun diámetro de 150 metros e unha altura de 105 metros. Os técnicos da Xunta no estudo espacial do proxecto da promotora constatan que todas as súas posicións e parte da poligonal do parque están fóra das Áreas de Desenvolvemento Eólico que aparecen no Plan Sectorial da Xunta, aprobado en 1997 e modificado en 2002.

En canto a Tramontana, o Parque de 72,8 MW, promovido por Greenalia Wind Power Tramontana, recibe o informe desfavorable da Xunta baseado en oito das súas 13 posicións, a torre de medición, a subestación e parte da  poligonal do parque ao incumprir as disposicións do plan Sectorial. O proxecto estableceríase en Silleda e Forcarei con 13 aeroxeradores de 5.600 kW cada un, diámetro de 150 metros e altura de 105 metros.

CUBELA: "SEGUIREMOS VIXIANTES"

Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, afirma que a presentación do informe da Xunta antes de finalizar o período de exposición pública mostra que estes parques eólicos incumpren a normativa e ademais confirma o bo funcionamento do Estado de Dereito ao aplicar a lei por igual a todo o mundo, mesmo no caso de multinacionais e xigantes enerxéticas.

Cubela sinala que os veciños "poden durmir un pouco máis tranquilos sen esquecer que seguirán atentos e cun plan consensuado e unido para defender os intereses da veciñanza e dos nosos lugares". Afirmou que se manterán os traballos da Comisión de Seguimento impulsada polo  Concello na que están representadas todas as formacións políticas con representación na Corporación, as comunidades de montes e os técnicos municipais.

Arquivado en