O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e os representantes do PSdeG-PSOE, Regina Sobral, e do BNG, Ernesto Filgueira, asinaron de forma conxunta e unánime o respaldo ás alegacións que presenta o Concello aos parques eólicos Siroco e Tramontana.
Estes proxectos liderados pola multinacional enerxética Greenalia Wind Power xa contan co informe desfavorable da Subdirección Xeral de Enerxía da Xunta de Galicia por estar gran parte das súas infraestruturas fóra da normativa establecida polo Plan Sectorial Eólico de Galicia.
Os voceiros dos tres grupos municipais con representación na Corporación de Cerdedo-Cotobade respaldan os traballos realizados polos técnicos municipais e a empresa Tysga, especializada na defensa medioambiental. En base a eses traballos, presentáronse as alegacións.
O alcalde, Jorge Cubela, reitera a súa "vontade específica e irrenunciable" de manter unha actitude de unidade de acción entre todas as forzas políticas con representación na Corporación Municipal, así como comunidades de montes, técnicos municipais e veciños para visibilizar os defectos e problemas que presentan estes proxectos eólicos que se someten a información pública.
Segundo manifestou, con este acto de sinatura e respaldo ás alegacións queren tamén "evidenciar ante a opinión pública o noso desexo de camiñar xuntos, da man dos veciños, na defensa dos intereses da veciñanza e dos lugares que compoñen o municipio de Cerdedo-Cotobade".
Lembra que estes lugares "se ven afectados pola irrupción disparatada dun inxente número de proxectos eólicos que saturan de maneira extrema as posibilidades que o noso concello pode ofrecer desde o punto de vista racional, da sustentabilidade medioambiental e do aproveitamento harmónico dos recursos naturais dos que dispoñemos".
O rexedor amosou a súa satisfacción polo informe desfavorable da Subdirección Xeral de Enerxía da Xunta de Galicia, pero insistiu en que decidiron presentar alegacións para demostrar a súa propia disconformidade con estes proxectos concretos que están en tramitación ante o Ministerio de Transición Ecolóxica.