Ingresa en prisión un ladrón multirreincidente por roubos en establecementos de Pontevedra e Arousa

Pontevedra
21 de marzo 2022

A Autoridade Xudicial decretou o ingreso en prisión dun veciño de Pontevedra, de 33 anos de idade, con numerosos antecedentes policiais, que fora detido nos últimos días pola Policía Nacional como presunto autor de varios delito de roubos con forza en establecementos de Pontevedra e Vilagarcía de Arousa

Xoias roubadas que foron recuperadas pola Policía Nacional
Xoias roubadas que foron recuperadas pola Policía Nacional / Policía Nacional

A autoridade xudicial decretou o ingreso en prisión dun veciño de Pontevedra, de 33 anos de idade, con numerosos antecedentes policiais, que fora detido nos últimos días pola Policía Nacional como presunto autor de varios delito de roubos con forza en establecementos de Pontevedra e Vilagarcía de Arousa.

Segundo informaron fontes oficiais da Comisaría Provincial de Pontevedra, este mozo xa fora detido con anterioridade.

Concretamente, foi arrestado a finais de novembro do pasado ano tras serlle imputados tres delitos de roubo con forza en diferentes establecementos comerciais e volveu ser detido o pasado 10 de xaneiro en Santiago de Compostela polo roubo con forza no establecemento de Pontevedra.

No atestado policial, a Policía Nacional imputa a este individuo roubos en establecementos en Santiago de Compostela, a zona do Salnés, Vilagarcía de Arousa e Pontevedra, todos eles producidos desde o inicio do ano 2022.

No caso de Pontevedra os feitos que se lle imputan son o roubo con forza nunha cafetería denunciada o 27 de febreiro tras forzar o enreixado exterior e fracturar o cristal da porta de entrada, o propietario botou en falta o caxetín da caixa rexistradora que contiña 40 euros e o bote de propinas. Hai tamén unha denuncia presentada o 4 de marzo doutro o roubo con forza nun café do que os axentes policiais recuperaron a caixa rexistradora que contiña 1.000 euros.

O día 10 de marzo denunciouse outro roubo nun establecemento de hostalería da cidade, o propietario atopou tirado encima da barra o caixón portamoedas e outros obxectos e o último roubo denunciado en Pontevedra produciuse o día 11 de marzo nun establecemento do que tamén se levaron o caixón co diñeiro, neste caso 800 euros.

En Vilagarcía de Arousa impútanselle tres roubos con forza en lavanderías onde forzou as máquinas do cambio e levou nun dos casos 450 euros e o roubo con forza nunha xoiería, o 14 de marzo, do que os axentes da Policía Nacional recuperaron xoias e diñeiro.