Inician as obras de mellora nos accesos ao Parque de Barosa

Barro
06 de marzo 2026
Actualizado: 12:23

A actuación desenvolverase nun tramo de 500 metros coa implantación de medidas de seguridade viaria, a mellora e reorganización dos aparcadoiros e a creación dunha senda peonil segura

Inicio das obras de mellora dos accesos a Barosa
Inicio das obras de mellora dos accesos a Barosa / Concello de Barro

As obras para mellorar os accesoa ao Parque da Natureza da Ría Barosa están en marcha.

O Concello de Barro informou do inicio dunha actuación que busca mellorar tanto a seguridade como a accesibilidade dun dos lugares máis visitados do municipio.

Segundo informaron nunha visita á zona de actuación o alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e o concelleiro de Obras, Iván Bello Ferreiro, a actuación desenvolverase nun tramo de preto de 500 metros, desde a N-550.

Contempla a implantación de medidas de seguridade viaria, a mellora e reorganización dos aparcadoiros, a creación dunha senda peonil segura que conectará as fervenzas co Camiño de Santiago e a renovación integral da iluminación pública.

Aínda que o acceso ao parque permanecerá en todo momento aberto, avisa o goberno local que durante a execución das obras poderán producirse restricións e modificacións puntuais no tráfico na zona.

"O inicio destas obras supón dar un paso moi importante para mellorar os accesos a un dos espazos naturais máis emblemáticos e visitados do noso concello", asegura Fernández Abraldes.

Ademais o alcalde destacou que "este proxecto permitirá facer máis seguro e accesible o acceso ao parque de Barosa, mellorando tanto a mobilidade como a experiencia das persoas que se achegan ata este enclave natural".

Trátase dunha actuación impulsada polo Concello de Barro con financiamento ao amparo do Plan Extraordinario de Obras Singulares da Deputación de Pontevedra.