Inician os traballos de construción da senda peonil na PO-225 entre Alba e San Caetano

Pontevedra
25 de xullo 2020

A Xunta fixou a data de inicio das obras para o próximo luns 27 de xullo. Construirase un itinerario duns 600 metros, coincidindo coa traza do Camiño Portugués, para reforzar a seguridade viaria de veciños e peregrinos. Os traballos supoñerán cortes puntuais de tráfico na estrada

Deseño da nova senda peonil entre San Caetano e Alba
Deseño da nova senda peonil entre San Caetano e Alba / Xunta de Galicia

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade fixou para o vindeiro luns 27 de xullo o inicio dos traballos de construción da nova senda peonil na estrada autonómica PO-225, entre Alba e San Caetano.

Esta senda, que solucionará un problema de seguridade viaria para os peóns que transitan pola zona, en pleno Camiño Portugués a Santiago, supoñerá un investimento próximo aos 640.000 euros, tendo en cuenta o pago aos titulares das 36 leiras expropiadas.

O prazo de execución do proxecto é de 6 meses, tempo no que se producirán cortes puntuais deste vial que serán comunicados "coa debida antelación", avanza o goberno autonómico.

En total actuarase sobre un tramo de 600 metros.

Para acometer a senda será necesario rectificar a curva existente entre os puntos quilométricos 0+860 e 0+940; reordenar a intersección no punto 0+910 mellorando a súa seguridade; e instalar unha pasarela de 13,10 metros de lonxitude sobre o río Cortes, que permite evitar o tránsito de peóns por un punto estreito da estrada.

A Xunta sinala que o seu obxectivo pasa por poder finalizar os traballos este mesmo ano, acurtando lixeiramente os prazos para que a senda poida ser empregada polos peregrinos desde o inicio do próximo Ano Santo, en 2021.

Trátase dunha actuación que está cofinanciada con fondos europeos FEDER 2014/2020.