Inician unha recollida de firmas para recuperar a unidade de Educación Infantil suprimida no CEIP San Clemente

Umia
29 de abril 2025

A comunidade educativa do CEIP San Clemente de Caldas de Reis iniciou unha recollida de firmas contra a decisión de Educación de manter a supresión dunha das tres unidades de infantil

Protesta no CEIP San Clemente Concello de Caldas de Reis

Campaña de recollida de firmas no CEIP San Clemente de Caldas de Reis ante a decisión da Consellería de Educación de manter a supresión dunha das tres unidades de Educación Infantil coas que contaba este centro educativo.

Asegura a comunidade educativa deste centro que esta decisión incumpre o compromiso adquirido pola propia consellería de reabrir á aula se a matrícula o permitía, compromiso verbal alcanzado coa ANPA despois de protestas, reclamacións e até un acordo unánime no pleno municipal.

Manteñen ademais que se trata dun peche "irregular" segundo o cociente pactado entre Xunta e sindicatos para o curso 24-25.

Entón o número de alumnos matriculados foi de 26 pero, contempladas as necesidades especiais de varios deles, a cifra crecía até os 29 facendo necesarias as tres unidades existentes.

Agora, tras acudir mesmo á Valedora do Pobo, "parécenos inaceptable que, unha vez aberto o período de matrícula, e tras recibir 11 solicitudes, abondo para garantir a recuperación da unidade, a Consellería respondese negándose a abrila".

"Isto obrigou a dirección do centro a baremar as peticións e deixar fóra, forzados a buscar outra alternativa, a nenos e nenas que quererían estudar no noso CEIP", explican.

Por todo iso a comunidade educativa iniciou unha campaña de recollida de firmas ao entender que "en primeiro lugar, porque non existiu un motivo obxectivo para eliminala; en segundo, e aínda máis grave, porque de non facelo a Consellería estaría rachando o seu compromiso e incumprindo os seus propios criterios".

O GOBERNO LOCAL DE CALDAS LAMENTA A DECISIÓN DA XUNTA

O Concello de Caldas de Reis apoia as reivindicacións da comunidade educativa do CEIP San Clemente e condena a decisición da Consellería a pesar de que "os números dan".

De feito tanto o alcalde, Jacobo Pérez, como o tenente de alcalde, Manuel Fariña, apoiaron a campaña de recollida de firmas cunha visita este martes ao centro educativo.

Jacobo Pérez e Manuel Fariña apoian a recollida de firmas do CEIP San ClementeConcello de Caldas de Reis

Pérez e Fariña advirten de que a supresión da unidade de Infantil provoca que, ante o elevado número de peticións de matriculación, leve a cabo un proceso de baremación e que "haxa solicitantes que queden fóra, algo que non sucedería de non ser suprimida esa unidade".

"Con este xeito de proceder o que está a provocar a Xunta de Galicia é unha limitación no número de alumnos e alumnas, o que acarreará consecuencias moi negativas para o colexio", defenden desde o goberno municipal.