A Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo é o punto de partida da Asociación para a Investigación e a Formación en Intervención Familiar Positiva (Aifap), unha nova entidade que reúne a persoal investigador de distintas disciplinas co obxectivo de apoiar ás familias na crianza a partir do coñecemento científico.
A iniciativa está impulsada pola catedrática da UVigo Francisca Fariña e conta coa participación de especialistas das tres universidades públicas galegas.
"Buscamos servir ás familias, axudándoas con todo o coñecemento que achega a investigación científica no reto diario da crianza", explica a presidenta da asociación, Verónica Sánchez, doutora pola UVigo e integrante da Cátedra Unesco Educación Transformadora: Ciencia, Comunicación e Sociedade.
Aifap agrupa a profesionais "de primeiro nivel" en ámbitos como a intervención familiar positiva, a ruptura de parella, a relación familia-escola ou a prevención de condutas de risco e consumo de sustancias.
Xunto a Sánchez, a xunta directiva está integrada pola investigadora da Universidade da Coruña Silvia López como vicepresidenta, así como por persoal investigador da UVigo, a USC, a UDC e a Universitat Internacional de Valencia.
A entidade céntrase na promoción da "parentalidade positiva", entendida como un modelo educativo baseado no respecto, o coidado, o apoio mutuo e a ausencia de violencia, sempre priorizando o benestar de nenos, nenas e adolescentes. O seu principal ámbito de actuación serán os centros educativos, entendidos como espazos de acompañamento ás familias.
Nesta liña, Aifap traballará na creación dunha rede de centros que compartan experiencias e coordinen estratexias de intervención, ademais de fomentar a colaboración con asociacións de nais e pais e con profesionais dos ámbitos social, sanitario e xurídico.
No referido á investigación, a asociación promoverá tanto proxectos propios como alianzas con outros grupos, á vez que reforza o traballo en rede con universidades e entidades especializadas.
Así mesmo, en colaboración coa Cátedra Unesco Educación Transformadora da UVigo, impulsará a creación de seminarios permanentes que constitúan espazos estables de formación, reflexión e intercambio científico.