Inicio "inminente" das obras para renovar os vestiarios do pavillón de Caldas

Umia
11 de novembro 2025

Unha vez adxudicados os traballos a empresa escollida ten un mes de prazo para iniciar as obras, polas que tamén se creará unha nova sala polivalente

Manuel Fariña nos vestiarios do Pavillón de Caldas de Reis
Manuel Fariña nos vestiarios do Pavillón de Caldas de Reis / Concello de Caldas de Reis

O Concello de Caldas de Reis Caldas anuncia o "inminente" inicio das obras para renovar os vestiarios e crear unha sala polivalente no Pavillón Municipal de Deportes.

Así o explicou o tenente de alcalde e reponsable de Deportes, Manuel Fariña, tras adxudicarse este martes os traballos á empresa Decor Rede Rivas SL.

Unha vez formalizada a adxudicación, a partir da firma do contrato a empresa escollida conta cun mes de prazo para arrincar coas obras.

A oferta económica presentada pola empresa é de 203.643 euros.

Desde o goberno local confíase en poder acurtar lixeiramente os prazos para concluír os traballos antes de final de ano.

A actividade deportiva non se deterá no pavillón municipal, polo que a reforma se dividirá en dúas áreas con outras tantas fases.

Asegura ademais Fariña que se tratará de "relaxar a tensión acústica" das obras para tentar interferir no menor grao posible á actividade dos centros de ensino próximos, o CPI Alfonso VII e o IES Aquis Celenis, durante as horas lectivas.

Coa reforma acometerase unha redistribución do espazo existente baixo as bancadas, renovando de maneira integral os actuais vestiarios, para facelos accesibles e funcionais.

En xeral, reformaranse todas as instalacións de fontanaría, saneamento, electricidade e ventilación cumprindo coa normativa vixente en materia de accesibilidade e sustentabilidade ambiental.

Ao mesmo tempo, aproveitarase o espazo restante para crear un novo espazo de usos múltiples que permitirá organizar un programa de actividades deportivas amplo.

Neste sentido, o Concello avanza que estuda a posta en marcha de clases grupales como ioga, zumba ou GAP, coa necesaria contratación de persoal.