Insisten en pedir que ENCE deixe de abastecerse do Lérez polo "descenso en picado" do caudal na última semana

Pontevedra
14 de agosto 2025

O Concello envía unha comunicación oficial á Xunta para que decrete a parada da actividade da pasteira. Eva Vilaverde: "corre risco o abastecemento da poboación nos vindeiros días"

Eva Vilaverde, cos gráficos de evolución do caudal do Lérez a 13 de agosto de 2025
Eva Vilaverde, cos gráficos de evolución do caudal do Lérez a 13 de agosto de 2025 / PontevedraViva

O Concello de Pontevedra volveu insistir este xoves na necesidade de que a empresa Ence deixe de abastecerse do río Lérez para o funcionamento da súa factoría de Lourizán ante a situación de seca. 

A situación da auga e do caudal do río Lérez, do que se abastece a cidade de Pontevedra, foi este xoves un dos temas abordados na Xunta de Goberno local e, despois de analizar a situación, acordaron enviar un escrito á Xunta de Galicia para que "decrete xa a parada" de Ence.

A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, explicou que se enviará por escrito unha comunicación oficial ao goberno autonómica con esta petición, co obxectivo de que a pasteira "non se siga abastecendo das augas do río Lérez, porque corre risco o abastecemento da poboación nos vindeiros días".

Quere o Concello que a Xunte decrete esta prohibición a Ence para "garantir así o abastecemento da poboación durante o mes que temos por diante".

Esta petición chega despois de detectar unha situación complexa no río Lérez, co "descenso en picado" dos niveis de auga ata quedar por debaixo do caudal ecolóxico, fixado en 1,516 metros cúbicos por segundo.

Durante o mércores 13 de agosto, o caudal máximo da auga foi de 1,54 e o mínimo, de 1,410. Desta maneira, a media quedou en 1,479, inferior ao caudal ecolóxico do río.

Caudal medio do Lérez a 14 de xullo de 2025
Caudal medio do Lérez a 14 de agosto de 2025Concello de Pontevedra

Eva Vilaverde sinalou que esta cifra é "especialmente grave" se temos en conta a tendencia da última semana, de "baixada paulatina" dos niveis do río, e tamén a predicción meteorológica para os vindeiros días. 

"Non parece que vaia mellorar moito no que ten que ver coa choiva", sinalou, ante a previsión de que "non vai haber pinga de auga nos vindeiros días", de maneira que ven precisa esta medida excepcional de parada de Ence. 

A tenente de alcalde explicou que a situación obriga a medidas excepcionais e explicou tamén que, a pesar das medidas de aforro que se están a aplicar en todo o municipio, é preciso realizar tarefas de limpeza e baldeo de rúas da cidade por "condicións sanitarias". 

"Igual que lle dicimos á xente que hai que moderar o uso, unha cousa é moderar e outra non garantir a limpeza e as condicións sanitarias da rúa", sinalou, convencida de que "urxe máis garantir as condicións sanitarias da poboación que manter o abastecemento dunha empresa privada". As "prioridades son claras", para o Concello.