Instalados 18 carteis no río Gallo para mellorar a concienciación sobre o risco de inundacións

Umia
18 de xuño 2026
Actualizado: 15:19

A actuación forma parte dun plan de divulgación desenvolvido por Augas de Galicia nas zonas con maior risco de desbordamentos

Instalación de paneis no río Gallo Xunta de Galicia

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, vén de completar a instalación de 18 paneis informativos na contorna do río Gallo, en Cuntis, co obxectivo de mellorar a información e a sensibilización da poboación ante o risco de inundacións.

Os novos elementos de sinalización localízanse na Área de Risco Potencial Significativo de Inundación (ARPSI) identificada neste curso fluvial, considerada unha das zonas con maior perigosidade da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa pola posibilidade de desbordamentos, segundo recolle o Plan de Xestión do Risco de Inundación.

A actuación inclúe a colocación de diferentes tipoloxías de paneis adaptadas ás características do espazo e aos distintos perfís da cidadanía.

En total instaláronse oito carteis de formato reducido, seis paneis xerais a dúas caras, dous paneis xerais dunha soa cara e outros dous dirixidos especificamente ao público infantil.

A finalidade desta iniciativa é proporcionar información sobre os riscos asociados ás enchentes, explicar as medidas de prevención recomendadas e ofrecer orientación sobre como actuar en caso de inundación.

Ao mesmo tempo, busca contribuír a unha maior comprensión da dinámica natural dos ríos e da necesidade de convivir con estes fenómenos de maneira segura.

Esta actuación forma parte do Plan Estratéxico de Divulgación das Áreas de Risco Potencial Significativo de Inundación (Pedarpsi), unha ferramenta impulsada por Augas de Galicia para reforzar a cultura da prevención fronte ás enchentes nas zonas máis vulnerables do territorio.

Cuntis súmase así á relación de municipios nos que xa se instalaron este tipo de paneis informativos. Ata o momento, o organismo autonómico desenvolveu actuacións semellantes en 29 concellos da demarcación Galicia-Costa, entre eles Ames, Brión, Gondomar, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Ferrol, Betanzos, A Coruña ou Santiago de Compostela.

Nos casos de áreas extensas, como sucede na contorna do río Gallo, a sinalización combina diferentes formatos para facilitar a transmisión da información. Os paneis xerais incorporan datos específicos sobre a zona e os protocolos de actuación en caso de desbordamento, mentres que os infantís empregan unha linguaxe e unha imaxe adaptadas aos máis novos.

O investimento destinado á sinalización da área de risco de Cuntis ronda os 7.000 euros e forma parte dun contrato máis amplo de divulgación e concienciación sobre o risco de inundacións impulsado por Augas de Galicia, cun orzamento global próximo aos 700.000 euros.

Ademais da instalación de sinalización, este programa inclúe actividades educativas en centros de educación infantil e primaria situados nas proximidades das áreas con risco de inundación. A través destes obradoiros búscase concienciar ás novas xeracións sobre os efectos das enchentes e sobre a influencia que as actuacións humanas exercen nos ecosistemas fluviais e no comportamento das canles de auga.