Instalarán en Pontevedra dez novos centros de compostaxe comunitaria

Pontevedra
15 de febreiro 2024

O Concello de Pontevedra volve acoller á bonificación que aplica Sogama no canon que cobra por tonelada de lixo tratado, o que repercutiu nunha rebaixa xa apliacada á cidadanía no último recibo do ano pasado

Centro de compostaxe comunitaria Mónica Patxot

Pontevedra xa conta con 23 centros de compostaxe comunitaria, pero a oferta seguirá crecendo coa instalación por parte do Concello de dez novas illas de reciclaxe para facilitar a todas as persoas a opción de compostar, segundo anunciou este xoves o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

A compostaxe comunitaria consiste no aproveitamento para facer compost dos biorresiduos domésticos xerados en varios domicilios ou actividades. Esta fórmula permite ao Concello levar a cabo unha xestión máis sostible dos residuos o que repercute na cantidade de lixo que se envía a Sogama para o seu tratamento.

Neste sentido, o Concello pediu a bonificación do 15%  ao cumprir cos requisitos inherentes á rebaixa do canon unitario referido ao ano 2022, un trámite que hai que xustificar neste primeiro trimestre do ano 2024.

Ao cumprir coas condicións, o canon de Pontevedra vese reducido en 9,90 euros, baixando dos 66 aos 56,10 euros/tonelada de bolsa negra, que é a fracción resto recollida a través do contedor xenérico.

Ese cumprimento por parte da Boa Vila significou unha redución do canon de 271.126 euros, pero o Concello adiantouse e xa repercutiu unha baixada de 309.720 euros no conxunto do último recibo que se cobrou aos pontevedreses. 

O alcalde fixo unha valoración positiva xa que "cumprimos as condicións que está a poñer Sogama dunha maneira clara" polo que agradeceu o "esforzo que se está facendo por parte dos cidadáns que están a colaborar activamente na separación dos distintos biorresiduos". 

Sogama aplicará unha bonificación do 15% a aqueles concellos que cumpran os seguintes requisitos: promover a redución da produción de lixo e/o incrementar a reciclaxe dos envases lixeiros; trasladar esta rebaixa aos recibos dos veciños, e implantar a recollida separada da materia orgánica a través do quinto contedor antes do próximo 31 de decembro de 2023. No caso dos municipios con poboación inferior a 2.000 habitantes, será suficiente que acrediten a instauración dun programa de compostaxe domiciliaria e/o comunitario.