Interveñen cirurxicamente un traballador de Príncipe Felipe tras ser agredido por un menor de 14 anos

Pontevedra
28 de xuño 2017

Un traballador da cidade infantil Príncipe Felipe permanece desde este martes hospitalizado, cun pómulo fracturado, despois de ser vítima dunha agresión por parte dun dos nenos atendidos na institución, un menor de 14 anos, segundo informou este mércores a deputada provincial Eva Villaverde, delegada deste centro educativo e asistencial

Cidade Infantil Príncipe Felipe
Cidade Infantil Príncipe Felipe / Cristina Saiz

Un traballador da cidade infantil Príncipe Felipe permanece desde este martes hospitalizado, cun pómulo fracturado, despois de ser vítima dunha agresión por parte dun dos nenos atendidos na institución, un menor de 14 anos, segundo informou este mércores a deputada provincial Eva Villaverde, delegada deste centro educativo e asistencial.

O menor atopábase desde hai un mes na Unidade de Primeira Acollida (UPA) "onde non tiña que estar" xa que é o segundo ingreso neste ano na UPA onde xa se lle fixo unha valoración para que fose trasladado a outro centro.

"Leva aí un mes e seguen sen buscarlle solucións porque non teñen unha praza para acoller a este neno", explicou a deputada que enmarcou esta agresión nunha sucesión de incidentes parecidos nos últimos meses. "Efectivamente a situación do Príncipe Felipe é límite, é moi grave e desde a Deputación estamos a buscar solucións", sinalou.

Villaverde sostén que Príncipe Felipe é un centro de fogares "aberto e asistencial" pensado para albergar a menores en situación de risco social e "non está preparado" para recibir "perfís que non son os adecuados" dixo en referencia aos menores conflitivos que son derivados pola Consellería de Política Social.

A deputada provincial apuntou que se trata dunha "problemática herdada" do anterior goberno da Deputación de Pontevedra e que "lonxe de solucionarse agravouse nos últimos tempos" polo que "está claro que esta situación chegou xa ao seu fin e as solucións teñen que ser inminentes".

Entre estas solucións a Deputación baralla a posibilidade de deixar de acoller aos menores conflitivos que envía periodicamente a Xunta, co que non renovaría o convenio que caduca este mes de xuño. O sindicato Comisións Obreiras desvelou este martes esta intención.

Eva Villaverde explicou que levan uns meses tentando "darlle unha última volta, buscando solucións, falando coa Xunta discretamente" pero "o problema é que a Xunta pretende que lle solucionemos unha problemática que é deles, porque eles teñen a competencia en menores".

"O que non poden é botar balóns fóra", recalcou.

"Son moitos os incidentes que se trasladaron a Menores, moitos os informes dos equipos técnicos facendo fincapé nos perfís inadecuados para ser acollidos no Príncipe Felipe e a pesar diso séguense mandando e ocupando prazas do convenio coa Xunta deste tipo de perfís, isto provoca que teñamos que poñer fin dunha maneira ou outra", afirmou a deputada nacionalista.