Investimento de 1,7 millóns de euros para mellorar a zona de atracada do porto de San Adrián de Cobres

Vilaboa
01 de agosto 2025

O anuncio realizouno a conselleira do Mar, Marta Villaverde, nunha visita ao peirao

Visita da conselleira do Mar, Marta Villaverde, ao porto de San Adrián
Visita da conselleira do Mar, Marta Villaverde, ao porto de San Adrián / Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia atópase executando un investimento de 1,7 millóns no porto de San Adrián de Cobres, en Vilaboa.

En concreto esta actuación busca a mellora das instalacións de atracada para bateeiros.

O anuncio realizouno a conselleira do Mar, Marta Villaverde, nunha visita ao peirao acompañada do presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, e o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.

As obras consisten na instalación dun dique de abrigo flotante de formigón e a dotación de 16 prazas de amarre para embarcacións mexilloeiras con esloras de 12 a 22 metros.

As prazas dispoñen de brazos de atracada e contarán con conexión de auga, luz e iluminación.

Os traballos xa deron comezo o pasado mes de febreiro cun prazo de execución de 8 meses, polo que se prevé que as novas instalacións poidan estar dispoñibles no outono.

Trátase dunha actuación confinanciada con fondos europeos que permitirá dar cabida ao total da flota que actualmente ten a súa base no porto de San Adrián de Cobres.