Isabel Varela, premio 8 de Marzo de UXT: "Non só me honra min, honra a todas as mulleres"

Pontevedra
07 de marzo 2022

A homenaxeada recibiu o galardón de mans de Cati Cochón, secretaria de Igualdade da agrupación comarcal de UXT en Pontevedra

UGT entrega a Isabel Varela, responsable dun viñedo en Meaño, o premio 8 de Marzo
UGT entrega a Isabel Varela, responsable dun viñedo en Meaño, o premio 8 de Marzo / PontevedraViva

A responsable dunha plantación vitivinícola en Meaño, Isabel Varela Rodríguez, recibiu este luns o premio 8 de Marzo que cada ano, coincidindo coa conmemoración do Día da Muller, entrega a agrupación de Pontevedra do sindicato UXT. 

A homenaxeada recibiu o galardón de mans da secretaria de igualdade, Cati Cochón, quen quixo poñer en valor a importancia que ten este tipo de premios para as mulleres. 

No seu discurso, Varela quixo dar as grazas a UXT e Unións Agrarias por destacar o seu labor e sostén que se trata dun recoñecemento que "non só me honra a mín, senón a todas as mulleres traballadoras". Neste sentido, quixo destacar a dureza do traballo no campo e da viticultura en particular. "É un traballo constante durante todo o ano que se ve recompensado logo coa vendima", declarou.

O encargado de presentar á homenaxeada foi o secretario comarcal de UXT, Ramón Vidal, quen lembrou que esta data é fundamental para "facer fincapé para conseguir a igualdade no ámbito laboral".

Isabel Varela Gómez, unha muller encargada dunha explotación vitícola de Meaño. Unións Agrarias propuxo a súa candidatura destacando a súa decisión e dignidade dentro do sector primario.

A súa traxectoria profesional iniciouse a través do seu sogro, propietario dunhas viñas. Aprendeu a traballalas e mostrou interese neste oficio, de tal forma que co paso dos anos puxo en marcha a súa propia explotación familiar que foi crecendo ata alcanzar as catro hectáreas que forman parte desta extensión de viñedos. Este negocio naceu no ano 2012 e xa consolidou a súa produción dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas.