Iván Puentes acusa ao PP de querer "deixar fóra" a Pontevedra da conexión en AVE con Madrid

Pontevedra
27 de maio 2025

Para o portavoz socialista é "especialmente grave" que o PP de Vigo reclame que a Pontevedra e a Vilagarcía "se nos reduzan servizos e se nos deixe á marxe dos novos servizos de AVE"

Iván Puentes, portavoz municipal do PSdeG-PSOE en Pontevedra

Para o PSOE pontevedrés, a proposta do PP en Vigo para crear un enlace directo entre a cidade olívica e Madrid, sen paradas intermedias en Pontevedra e Vilagarcía, é un "ataque frontal" á cidade ante o que se comprometen a loitar "contra todo e contra todos".

Iván Puentes, portavoz do grupo municipal socialista, acusou aos populares de estar "absolutamente calados" desde que se anunciou esta proposta e facer "oídos xordos" a uns plans que, ao seu xuízo, suporían "deixar fóra" a Pontevedra da conexión en AVE con Madrid.

Ante estes feitos, Puentes esixiu este martes unha "rectificación pública" do PP e que, no caso de que non se produza, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luís López, cese á impulsora desta medida, Luisa Sánchez, vicepresidenta no seu goberno na Deputación.

Ademais, reclamou que Rafa Domínguez, que comparte goberno provincial con Sánchez, se pronuncie publicamente e "non deixe lugar a dúbidas", aclarando se defende á súa compañeira de partido ou se prioriza os intereses de todos os cidadáns de Pontevedra.

"Oito días despois non sabemos nada do que pensan Luís López nin Rafa Domínguez, que quere ser alcalde desta cidade e que non ten nada que dicir ante un ataque desta gravidade", sostivo o líder do PSOE pontevedrés.

Iván Puentes, portavoz municipal do PSdeG-PSOE en PontevedraMónica Patxot

O portavoz socialista entende que as declaracións de Luisa Sánchez son "especialmente graves", ao estar a reclamar que a Pontevedra e a Vilagarcía "se nos reduzan servizos e se nos deixe á marxe dos novos servizos de AVE que se poidan crear".

Iván Puentes lamentou que para o PP os cidadáns de Pontevedra "directamente non merecemos atención nin ter servizos de alta velocidade para conectarnos con Madrid".

Os socialistas, segundo o seu portavoz en Pontevedra, defenden que todos os servizos de alta velocidade que saian do sur da provincia cara a Madrid teñen que parar na cidade de Pontevedra, "como non podería ser doutro xeito".

En todo caso, Puentes mostrou a súa confianza no Goberno, no ministro de Transportes, Óscar Puente e na dirección de Renfe para que "impere o sentido común" e que estas propostas "atolondradas" non sexan nin escoitadas nin tidas en conta.

Que o PSOE estea á fronte do executivo central, "nos dá toda a tranquilidade do mundo de que isto non se vai a producir", garantiu Iván Puentes, que entende que o PP "ten que deixar clara" cal é a súa postura en relación á conexión de Pontevedra con Madrid por AVE.

Pola contra, indicou o portavoz socialista "estaremos sempre suxeitos a propostas absolutamente irracionais" e que o seu partido considera "escandalosas", instando aos populares a "actuar e poñer orde na súa casa".