Izado provisional da bandeira azul na praia fluvial da Calzada

Ponte Caldelas
11 de xuño 2015

En breve culminaranse as melloras acometidas para dar cumprimento ás esixencias de ADEAC en materia de servizos e seguridade. A Calzada conta xa con aparcabicis, nova caseta de socorrista, paneis informativos, aseos adaptados, balizamento da zona de baño, entre outras melloras

Izado provisional da bandiera azul da Calzada
Izado provisional da bandiera azul da Calzada

O alcalde en funcións de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, realizou o izado provisional da Bandeira Azul outorgada por ADEAC á primeira praia fluvial de España en conseguir este distintivo ambiental europeo, en presenza do Comité de Xestión encargado de velar polo perfecto cumprimento das normas de servizo e seguridade establecidas nas bases que rexen esta rigorosa concesión.

Os membros do Comité de Xestión, formado ademais de polo alcalde, o coordinador sociocultural do Concello, o concelleiro de obras e servizos, a axente de desenvolvemento local, un representante de Urbaser, o presidente da Sociedade de Caza e Pesca Verdeseixo, representante de COEMPO e Policía Local, supervisaron a marcha dos traballos para adecuar todo a área recreativa e a zona de baño da Calzada á normativa da Bandeira Azul.

Xa como se encontra instalado o aparcabicis, unha illa de recollida selectiva de residuos cun iglú de vídrio rotulado cunha fotografía paisaxística da praia fluvial, a caseta de socorrista, en madeira, con padiola e todos os elementos fundamentais para realizar labores de primeiros auxilios e reanimación, aseos adaptados para persoas con discapacidade e persoas de reducida mobilidade, o balizamento da zona de baño con boias visualizadoras para determinar a área sobre a que actuarán os 3 socorristas (2 simultáneamente sempre en activo) cos que contará a praia fluvial.

En canto aos 3 socorristas que prestarán os seus servizos, tal e como determina a concesión da Bandeira Azul, entre o 1 de xullo e o 31 de agosto, sinalar que se encontran en período de selección, a través da colaboración económica da Xunta, e cuxos candidatos son enviados pola Oficina de Emprego correspondente para participar nun proceso de selección regulado con todas as garantías.