Jacobo Moreira regresará ao Parlamento tras renunciar cinco conselleiros á súa acta

Pontevedra
29 de xaneiro 2017

Tal e como se prevía, Jacobo Moreira volverá ser deputado no Parlamento galego. O portavoz municipal do PP en Pontevedra regresará á cámara autonómica tras a renuncia á súa acta de deputado de cinco conselleiros da Xunta, entre eles tres que formaran parte da candidatura popular pola provincia de Pontevedra

Jacobo Moreira, voceiro municipal do PP en Pontevedra Mónica Patxot

Tal e como se prevía, Jacobo Moreira volverá ser deputado no Parlamento galego. O portavoz municipal do PP en Pontevedra regresará á cámara autonómica tras a renuncia á súa acta de deputado de cinco conselleiros da Xunta, entre eles tres que formaran parte da candidatura popular pola provincia de Pontevedra.

Trátase de Valeriano Martínez, Román Rodríguez e Jesús Vázquez Almuíña, titulares das consellerías de Facenda, Cultura e Educación e Sanidade, respectivamente.

Tamén se centrarán unicamente nos seus labores no goberno galego as conselleiras de Infraestruturas e Medio Rural, Ethel Vázquez e Ánxeles Vázquez.

Estes cinco conselleiros asinarán a próxima semana a súa dimisión como deputados, co obxectivo de que os seus substitutos no Parlamento poidan tomar posesión dos seus escanos no próximo pleno.

Con estas tres renuncias, o PP de Pontevedra move banco e incorporaranse ao Pazo do Hórreo Isabel Novo, o exalcalde de Tui Moisés Rodríguez e Jacobo Moreira.

Esta será a terceira lexislatura na que Moreira é deputado autonómico. Entrou no Parlamento por primeira vez en 2011 ao substituír ao entón recentemente elixido alcalde de Moaña, José Fervenza; e repetiu en 2014 para cubrir a vacante de Agustín Hernández, que renunciou á súa acta ao ser designado alcalde de Santiago de Compostela.