Jacobo Pérez fai balance do seu primeiro ano de mandato en Caldas de Reis

Umia
16 de decembro 2025
Actualizado: 12:12

Neste balance destacou o impulso a grandes proxectos, o investimento en servizos e mantemento, a defensa dos intereses veciñais e unha folla de ruta clara para consolidar o futuro de Caldas de Reis

Jacobo Pérez, alcalde de Caldas Concello de Caldas de Reis

O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, escolleu un almorzo informativo para facer balance dos seus primeiros doce meses á fronte da Alcaldía. Un ano intenso no que, segundo destacou, o Goberno local deu "pasos moi importantes para consolidar o Caldas do futuro", cunha folla de ruta marcada polo desbloqueo de grandes proxectos, o coidado do día a día e a defensa dos intereses da veciñanza "por riba de calquera cor política".

Entre os fitos máis destacados figura o impulso definitivo ao novo Centro de Saúde, un proxecto da Xunta de Galicia que xa conta co convenio asinado, así como a colaboración con Zona Franca para desenvolver os polígonos do Pousadoiro e de Paradela-Carracedo. Precisamente este último poderá comezar a súa andaina a partir de 2026, logo de que o Concello xa dispoña do borrador do convenio. Unha infraestrutura chamada a converterse nun auténtico motor económico para toda a bisbarra, xerando actividade empresarial e emprego.

"Comprometémonos a axilizar estes proxectos e cumprimos", subliñou Pérez, quen quixo deixar claro que o traballo nos grandes plans non fixo perder de vista as necesidades máis inmediatas. O mantemento do rural e do casco urbano foi unha prioridade desde o primeiro día, cun investimento que en 2025 roza os 500.000 euros. Limpeza de cunetas e pistas, podas, mantemento de zonas verdes, máis frecuencia na limpeza dos camiños rurais ou a adquisición de nova maquinaria forman parte dun esforzo visible nas parroquias e no centro da vila. A mellora tamén chegou ao río Umia, indicou, onde se recuperaron zonas urbanas grazas á retirada de restos e á limpeza da súa contorna.

Neste balance Jacobo Perez sinalou que outro dos compromisos asumidos foi a mellora dos servizos básicos, especialmente no rural. Nos últimos meses promovéronse actuacións para ampliar as redes de saneamento e reforzar o abastecemento, con proxectos financiados tanto con fondos propios como con axudas doutras administracións. Destaca a construción da EDAR do Fieitoso, financiada con cargo ao Remanente de Tesourería de 2024, un exemplo, segundo o alcalde, da "boa saúde financeira" dun Concello "saneado e con capacidade para seguir investindo na calidade de vida da veciñanza".

O alcalde destacou que este ano 2025 tamén deixou proxectos xa convertidos en realidade. O Novo Fogar do Maior, inaugurado en novembro, conta xa con preto dun milleiro de usuarios e converteuse nun espazo de referencia para as persoas maiores. A el súmase o Parque do Maior, na Tafona, con xogos tradicionais e biosaudables, novas pistas polideportivas e unha clara vocación interxeracional. No ámbito urbano, o Concello vén de licitar as obras de mellora da mobilidade peonil no Campo da Torre, cun investimento superior aos 800.000 euros, que terá continuidade noutras zonas como San Roque, A Capela ou A Carreira.

Máis alá das obras, Jacobo Pérez quixo salientar un ano marcado pola defensa activa dos intereses da veciñanza. O Concello implicouse "de cheo" na reclamación dunha modificación do estudo da Variante Oeste, para evitar o enlace ao Porto de Vilagarcía de Arousa. O alcalde participou na manifestación do 29 de novembro e facilitou encontros entre representantes veciñais e responsables estatais, confiando en que o Ministerio de Transportes rectifique unha proposta que considera "perfectamente mellorable". A mesma liña seguiuse na defensa da comunidade educativa do CEIP San Clemente, reclamando a recuperación da terceira unidade de Infantil.

De cara ao futuro, o rexedor deixou claro que non hai lugar para o conformismo. A folla de ruta para 2026 inclúe a adquisición de novos terreos na contorna da Tafona para actividades lúdicas e festivas, o avance no proxecto da ponte fluvial sobre o Umia e modificacións no PXOM para dar resposta a necesidades como a mellora do IES Aquis Celenis. "O camiño percorrido neste primeiro ano motívanos para seguir construíndo o Caldas de Reis do futuro", concluíu.