Javier Nogueira triunfa nunha vistosa pasarela Debut 2014 no décimo aniversario de Esdemga

Pontevedra
28 de novembro 2014

Doce alumnos da Escola de Deseño e Moda de Galicia mostran as súas creacións no seu desfile de fin de curso celebrado no Recinto Feiral. Nogueira conseguiu o primeiro premio coa súa colección 'Ham Spray'

Javier Nogueira recibe o primeiro premio na pasarela Debut 2014 Diego Torrado

Ante numeroso público doce alumnos da Escola de Deseño e Moda de Galicia (Esdemga) mostraron os seus deseños na pasarela Debut 2014, un desfile envolvido nun ambiente festivo polo décimo aniversario do centro.

O Recinto Feiral acolleu o evento, no que triunfou a proposta de Javier Nogueira, gañador do primeiro premio grazas á colección titulada 'Ham Spray'.

Ademais o xurado tamén distinguiu á colección 'Game Over' de Yeray Suárez e a Sara Adelaida Vázquez polo seu traballo 'Ain't Misbehaving'.

Outros nove alumnos de Esdemga presentaron os seus deseños en Debut: Pedro Vilar, Raquel Chapela, Graciela Ramil, Antía Brión, Ela Nahir, Julia Soutullo, Marta Aláez, Sheila Dopazo e Aroa Veiga.

O xurado de Debut 2014 estivo composto por Leandro Cano (deseñador), Mayumi Yamase (editora da revista Kinfolk), Iñigo Guzmán (captador de talentos de Inditex) e Vicente Ferrer (editor de I-D Spain).

Ademais dos traballos dos alumnos de último curso os asistentes puideron observar os progresos de alumnos de segundo e mesmo primeiro curso da escola.