O Grove vai a conceder un dos seus maiores recoñecementos a unha persoa que está a levar o nome do municipio a cotas nunca vistas. Trátase do cociñeiro Javier Olleros, que será proposto para nomealo como fillo predilecto.
Así llo comunicou ao propio Olleros o alcalde do Grove, José Cacabelos, que cualificou de "logro espectacular" o fito de recibir dúas Estrelas Michelin e converterse no primeiro restaurante de Galicia en acadar tal recoñecemento.
"Non é só un recoñecemento do seu bo facer, senón que supón un verdadeiro éxito para toda a veciñanza do Grove, que ve como a tradición hostaleira e a espectacular calidade dos produtos da localidade son recoñecidos a nivel internacional", destacou o alcalde.
Javier Olleros, segundo o goberno municipal, pon a O Grove "no mapa mundial da gastronomía", polo que consideran "de xustiza" que a vila llo recoñeza cun nomeamento que, sendo honorífico, confirma o seu papel de embaixador do Grove no mundo.
Esta proposta será presentada nun pleno extraordinario que se agarda que teña lugar en cando as condicións o permitan.