Jennifer Lopez xa está en Galicia. Nas súas primeiras horas en terras galegas, a artista estadounidense optou por descansar da súa viaxe e tomarse un respiro.
Fíxoo gozando do sol na illa da Toxa. Aínda que os promotores do seu concerto en Pontevedra non quixeran revelar onde se aloxaría JLo, foi a propia cantante a que o confirmou a través da súa Instagram.
En varias fotos que publicou hai unhas horas, Lopez aparece tomando o sol xunto á piscina do Gran Hotel da Toxa.
En bikini, cunha camisa branca atada á cintura e cunhas lentes de sol, a artista retratouse nunha das hamacas do complexo hoteleiro.
Ademais, noutra publicación, Jennifer Lopez observa a paisaxe galega desde o portelo do coche que a levou até O Grove.
Acompaña este vídeo cunhas palabras dedicadas aos seus fans. "Hola, España. Nos vemos pronto", publicou JLo nas súas redes sociais.
Iso si, a cantante -ou o seu equipo de redes- volveu a confundir o lugar do concerto e na última das súas publicacións incluíu un "see you mañá, Vigo".
Jennifer Lopez pisou Pontevedra por primeira vez a última hora desta tarde, contra as sete, xa que tivo asistir ás probas de son para o seu concerto deste martes.
No parque de Tafisa espéralle un escenario que ten 16 metros de alto e preto de 30 de boca.
Nel, dará o primeiro concerto en Europa da súa xira 'Up All Night', na que repasará todos os grandes éxitos da súa carreira.
Estará acompañada do seu corpo de baile e o seu espectáculo en Pontevedra contará con pantallas e cunha montaxe de luces "brutal", segundo detallaron este luns os seus promotores.