O policía José Manuel Duarte, ex xefe da Policía Local de Pontevedra, tomou posesión este venres como novo inspector xefe da Policía Local de Sanxenxo.
Fíxoo arroupado por unha ampla representación do persoal da Policía Local e polo alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, que presidiu o acto.
Ademais, tamén estiveron presentes membros do goberno, os portavoces dos partidos da oposición e o comandante de posto da Garda Civil, David Marín.
"Sempre quixen ser policía, gústame o meu traballo e desde hoxe empezo unha nova etapa ilusionante e un reto en Sanxenxo", asegurou Duarte, que pediu a colaboración dos axentes en plantel da Policía Local.
Recoñeceu que "descoñezo Sanxenxo profesionalmente", pero garantiu que "teño moitas ganas de empezar e responder as expectativas que hai sobre min".

Aos seus novos compañeiros, moitos deles presentes na súa toma de posesión, díxolles que "espero que poidamos formar un bo equipo porque iso redundará en beneficio da cidadanía".
Martín destacou que José Manuel Duarte vén reforzar un servizo "fundamental" para todo o municipio, que xa contaba segundo o alcalde con "grandes profesionais" dos que agora o goberno municipal espera que o novo xefe "saque a súa mellor versión".
O rexedor lembrou que Sanxenxo é "moito máis exixente" en seguridade que o que lle correspondería por padrón, sobre todo porque "nunca somos menos de 22.000 persoas" pero no verán "chegamos ás 120.000", o que require un "esforzo extraordinario".
"Hoxe comeza unha nova etapa e unha nova oportunidade para ser referente en seguridade", sentenciou Telmo Martín.
Avalado por unha experiencia laboral de 28 anos no corpo e unha ampla formación que inclúe a licenciatura en Criminoloxía, Duarte regresa á comarca do Salnés vinte anos despois, tras pasar por Cambados e Pontevedra, o seu último destino.
Con el, o persoal quedaría deste xeito conformada con 23 efectivos, aos que durante o verán súmanse 34 auxiliares máis.
A Policía Local de Sanxenxo presta servizo as 24 horas do día e os 365 días do ano.