Jose María González asume a concellería de Obras e Servizos en Vilagarcía

O Salnés
17 de xaneiro 2025
Actualizado: 13:41

A saída de Lino Mouriño da corporación por motivos persoais provocou este cambio. González vai ocuparse de Obras, Vías Públicas, Mantemento dos Espazos Públicos Rurais, Iluminación, Sumidoiros e Cemiterios. Tanía García vai encargarse de xestión de residuos urbanos

Jose María González, novo concelleiro de Obras de Vilagarcía, xunto ao alcalde e a edil Tania García
Jose María González, novo concelleiro de Obras de Vilagarcía, xunto ao alcalde e a edil Tania García / Concello de Vilagarcía de Arousa

O Concello de Vilagarcía de Arousa vén de reestruturar o seu organigrama municipal tras a saída de Lino Mouriño da corporación por motivos persoais.

O cargo de concelleiro de Obras e Servizos pasa agora a mans de Jose María González, quen xa formou parte do goberno municipal na anterior lexislatura (2019-2023) como responsable de Seguridade Cidadá.

O seu nomeamento foi autorizado pola Xunta Electoral e tomará posesión do cargo no pleno ordinario de finais deste mes de xaneiro.

Na presentación oficial este xoves 16, o alcalde Alberto Varela destacou a experiencia de González e a súa capacidade de xestión: “Toca darlle a benvida a alguén que non é novo. Jose María non parte de cero, ten moita experiencia e xa sabe o duro que é ser concelleiro”, subliñou o rexedor.

González asumirá as competencias de Obras, Vías Públicas, Mantemento dos Espazos Públicos Rurais, Iluminación, Sumidoiros e Cemiterios.

Por outra banda, a xestión dos residuos urbanos, a limpeza viaria e a limpeza das instalacións municipais serán agora responsabilidade da concelleira de Servizos Sociais, Tania García.

Segundo explicou o alcalde, esta redistribución responde a razóns de operatividade, xa que García colaboraba co anterior edil na elaboración dos novos pregos para o servizo de recollida de lixo e nas reunións co persoal.

O novo concelleiro manifestou o seu compromiso de manter un contacto directo coa cidadanía: “Os meus oídos están para escoitar a todos os veciños e veciñas. Que non dubiden en acudir a min porque volvo con máis ilusión e máis ganas que nunca”, asegurou José María González.

O Concello ten previsto iniciar agora unha rolda de reunións coas asociacións municipais e colectivos nos primeiros meses do ano, co obxectivo de avaliar a situación actual e avanzar nos proxectos pendentes coa maior axilidade posible.

O alcalde Alberto Varela recoñeceu que é un reto: “Jose María ten o listón moi alto porque Lino deixou unha pegada moi importante, pero confiamos nel e sabemos que vai facer unha gran labor, como xa fixo anteriormente”.

O goberno local, malia os cambios, garante a continuidade dos proxectos municipais en marcha.