O Juan Carlos I volve ás Rías Baixas nunha visita de carácter técnico

Sanxenxo
16 de abril 2026

A presenza do portaeronaves responde exclusivamente á realización de probas técnicas na Escola Naval Militar de Marín.

O 'Juan Carlos I' na ría de Pontevedra
O 'Juan Carlos I' na ría de Pontevedra / EFE/Lavandeira jr

O buque insignia da Armada española, o Juan Carlos I (L-61), volveu deixarse ver este mércores na ría de Pontevedra.

Cos seus 231 metros de eslora, o maior navío militar de España regresou ás Rías Baixas catro anos despois da súa última escala, espertando unha notable expectación.

A pesar das especulacións xeradas polo actual contexto xeopolítico, fontes militares aclaran que a presenza do portaeronaves responde exclusivamente á realización de probas técnicas na Escola Naval Militar de Marín.

Nesta academia militar atópase o Centro de Medidas Electromagnéticas da Armada (Cemeden), que se encarga de analizar e optimizar aspectos crave como a compatibilidade electromagnética, a "firma radar" ou o funcionamento dos sistemas de comunicación e armamento dos buques.

A diferenza da súa anterior visita en 2022, cando atracou no porto de Marín, nesta ocasión o Juan Carlos I permanece fondeado na ría, sen previsión de achegarse ao peirao.

Desde puntos como Sanxenxo ou Bueu, numerosos curiosos puideron observar o buque, situado entre Beluso e a illa de Ons.

Ademais das probas técnicas, a estancia do navío servirá como elemento de formación para os alumnos da Escola Naval Militar, que poderán utilizalo como referencia real no seu proceso de aprendizaxe, tal e como xa ocorreu en visitas anteriores.

O Juan Carlos I partiu desde a súa base naval en Rota e constitúe unha das unidades máis avanzadas da Armada. Construído por Navantia nos estaleiros de Ferrol, foi botado en 2008 e entrou en servizo en 2010. Trátase dun buque de asalto anfibio con capacidade para operar aeronaves, grazas á súa característica rampla ski-jump, e deseñado para intervir en misións moi diversas, desde operacións militares até labores humanitarios.

Cunha dotación próxima aos 300 tripulantes, este portahelicópteros (clasificado pola OTAN como LHD) está integrado na Forza de Acción Naval e representa unha peza fundamental na proxección internacional de España, ao permitir despregar capacidades militares en distintos escenarios cun alto grao de autonomía e versatilidade.

Coincidindo coa súa presenza na ría, tamén se atopa estes días na localidade pontevedresa de Sanxenxo o rei emérito Juan Carlos I, que participa nunha nova cita da liga Española de 6 Metros, o que engade un elemento simbólico á estancia do buque que leva o seu nome.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora