O Concello de Poio está a realizar labores de mantemento e posta a punto dos parques infantís do municipio. A última actuación foi na área de xogo da Caeira, onde era urxente substituír o valado de madeira e amplialo a todo o perímetro para garantir maior seguridade entre a cativada.
Ademais, tamén se arranxaron e puxeron a punto varios dos xogos que había no parque, se instalou algunha peza nova e se repararon os bancos e as papeleiras. A mellora completouse co mantemento e sementado da herba natural naqueles lugares onde estaba deteriorada polo uso.
Desde o goberno local encargouse un inventario das áreas de xogo do municipio para coñecer o seu estado. Seguindo esta folla de ruta xa se actuou en Lourido, Combarro e Raxó, para mellorar a seguridade do parque, e nos próximos días continuarán na Renda.
Por outra banda, na Seca xa comezaron os traballos para reubicar o parque infantil, que se ampliará a dúas zonas e incluirá novas pezas de xogo, e que permitirá proximamente instalar o primeiro circuíto pump track de Poio.