"Unha proposta pensada para que as familias que temos a fortuna de vivir neste paraíso das Rías Baixas, poidamos desfrutalo tanto como os que nos visitan".
Así definiu o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, a segunda edición de 'Lecer en familia', unha iniciativa que pretente apoiar o sector hostaleiro en tempada baixa á vez que oferece ás familias pontevedresas unha proposta de lecer atractiva e asumible.
Con este programa a Deputación pon a disposición das familias un total de 2.957 prazas hoteleiras en réxime de media pensión para gozar durante fins de semana ou festivos. Inclúe ademais dúas actividades de animación sociocultural.
Todo iso cun custo de só 30,80 euros por usuarios, xa que a administración provincial financia 60 euros do custo.
O prezo é máis baixo (15,40 euros) para os menores de 12 anos, mentres que é gratuíto para os menores de 2 anos.
Entre todas as prazas ofertadas, 50 delas resérvanse en réxime especial para persoas en situación de vulnerabilidade, e para as que 'Lecer en familia' será de balde.
Para ser beneficiario destas axudas é preciso formar parte dunha unidade familiar con menores a cargo e ter residencia fixada na provincia de Pontevedra.
"Temos tan claro o importante que son as familias para o avance desta provincia que, por vez primeira na historia da Deputación, deseñamos un programa no que as convertemos en protagonistas", afirmou Luís López na presentación do programa, no que invisten 180.000 euros.
Adheríronse a 'Lecer en familia' 12 establecementos hoteleiros de Sanxenxo, Pontevedra, Vigo, Vilagarcía, Lalín, Baiona e Moaña.
No caso de que a demanda supere á oferta a concesión de prazas realizarase por sorteo e os beneficiarios poderán efectuar as súas reservas desde outubro de 2025 até marzo de 2026.
Na presentación deuse a coñecer ademais o nome da persoa gañadora do concurso de fotografías. Esa persoa foi Patricia Neira, por 'Guerra de Almofadas', recibindo como premio unha noite con réxime de media pensión con almorzo e acceso ao spa no hotel Nuevo Astur de Sanxenxo.
