O responsable de Educación en Galicia, Román Rodríguez, achegouse este mércores a Pontevedra para lembrar a nova desgravación fiscal que permite ás familias galegas recuperar o 15% dos gastos en libros e material escolar, cun límite máximo de 105 euros por fillo.
A medida aplicarase na declaración da renda de 2026 e suporá un aforro estimado de 6,3 millóns de euros.
O conselleiro Román Rodríguez visitaba a librería Clip de Pontevedra para explicar os detalles desta iniciativa, que se dirixe a familias con rendas entre 2.000 e 30.000 euros por membro da unidade familiar.
"Será preciso presentar as facturas dos produtos adquiridos desde o 1 de xullo ao 31 de decembro deste ano para aplicar a desgravación na vindeira declaración da renda", explicou Rodríguez.
O conselleiro destacou que a Xunta mobilizou nos últimos catro anos "máis de 100 millóns de euros" en axudas directas ás familias, un incremento do 25% desde o curso 2022-23, beneficiando a máis de 100.000 novos usuarios.
Antonio Santiago, propietario da librería Clip, mostrou a súa satisfacción pola medida: "Estamos moi contentos, porque a implantación dos libros de texto en quinto e sexto de primaria, que antes era todo tecnolóxico, nos deu un aliciente e un poquiño de vida ás librerías".
Santiago confirmou que os clientes xa teñen coñecemento da desgravación: "Desde o 1 de xuño estamos emitindo moitas facturas porque xa nola demandan os propios clientes".
O libreiro destacou tamén unha mellora na organización das compras: "A xente xa vén con moito máis tempo, veñen mellor enfocados, saben o que queren, veñen coas listas xa preparadas dos profes". Esta nova dinámica evita as tradicionais colas que chegaban "ata a rúa de Oliva" nos primeiros días de setembro.
INICIO DE CURSO
Rodríguez avanzou que o curso 2025-26 comezará o 8 de setembro "con total normalidade" en todas as etapas educativas.
O conselleiro tamén informou sobre obras en centros educativos da comarca, como a ampliación da escola infantil de Crespo-Rivas, que está "prácticamente rematada".
Esta nova desgravación, segundo o conselleiro, súmase ao programa da Xunta para apoiar ás familias nos gastos de inicio de curso, incluíndo medidas como a matrícula universitaria gratuíta e o bono material escolar.
Nos vindeiros días, as familias recibirán unha comunicación a través da plataforma Abalar para coñecer en detalle a medida. Estímase que o número máximo de beneficiarios poida chegar ata os 60.000, cunha estimación de aforro de ata 6,3 millóns de euros.
Outra das grandes novedades deste curso é a incorporación do alumnado de E-Dixgal ás axudas de libros de texto, dentro da aposta por avanzar nun modelo de ensino híbrido que combine o papel e as novas tecnoloxías.