As letras de Marín converteranse na nova icona da dársena portuaria

Marín
09 de xaneiro 2026

Estes elementos iranse instalando unha vez sexa posible acometer os traballos de formigonado

Entorno da dársena portuaria
Entorno da dársena portuaria / Concello de Marín

Esta semana retomáronse os traballos de execución da humanización do entorno da dársena portuaria tras o parón habitual das empresas do sector da construción durante as festas do Nadal.

Esta actuación transformará este espazo nun "paseo continuo, seguro e verde" entre a Praza de España e o Paseo Alcalde Blanco.

O proxecto contempla a creación dunha zona máis amable e pensada para o desfrute da veciñanza e das persoas visitantes, con máis espazos verdes, bancos e mobiliario urbano que permitirán descansar e gozar da contorna marítima.

Estes elementos iranse instalando unha vez sexa posible acometer os traballos de formigonado.

Ademais, a actuación completarase coa colocación dunhas letras corpóreas co nome de Marín, chamadas a converterse nun novo símbolo da vila.

A alcaldesa, María Ramallo, e a concelleira Marián Sanmartín achegáronse ata a zona das obras xunto cos responsables da empresa adxudicataria para comprobar de primeira man o avance dos traballos.

Durante a visita, Ramallo explicou que nestes momentos están a barallar xunto coa empresa cal pode ser o material máis axeitado para unhas letras que "están chamadas a converterse nun punto emblemático da vila".

A rexedora lembrou que este proxecto é "unha das nosas apostas firmes pola recuperación de toda a zona que conecta a Praza de España co Paseo Alcalde Blanco".

Destacou a mellora xa acadada na lámina de auga, que antes presentaba un estado de abandono, con presenza de neumáticos, fondeos, amarres e restos de obra como cascotes, ladrillos e bloques de construción.

"Agora xa é evidente a limpeza da auga e do fondo", sinalou, avanzando que o seguinte paso será continuar coa integración do entorno, que estará rematada cara ao mes de marzo.

Ramallo subliñou tamén que tanto a intervención na lámina de auga como esta reforma urbana “supoñen cero euros de gasto para o Concello, xa que todo está financiado a través do Plan de Sostibilidade Turística, do que conseguimos unha ampliación de 300.000 euros”, para potenciar un espazo clave da fachada marítima de Marín.