Liberados de pasar frío nos quioscos de Cogami

Pontevedra
10 de febreiro 2015

Os administradores concursais dispensan os traballadores de seguir acudindo aos seus postos de traballo. Basean a súa decisión en que as circunstancias actuais nas que se acha a empresa "poden chegar a comprometer que a prestación de servizos sexa desenvolvida en condicións óptimas de seguridade". Levan dende finais de decembro sen servizos de auga e luz

Traballadores dos quioscos de Cogami ante o quiosco de Rosalía de Castro Mónica Patxot

Os traballadores dos quioscos da Rede Galega de Kioscos (Regaki), da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), non terán que volver traballar nos establecementos aos que seguían asistindo a diario dende que en novembro de 2014 a empresa solicitou un concurso de acredores que incluía un Expediente de Regulación de Emprego. Nos últimos tempos acudían pasando frío, pois a finais de decembro cortáranlles os servizos básicos de luz e auga.

Os administradores concursais dispénsanos de seguir acudindo aos seus postos de traballo. Tomaron esa decisión baseándose en que as circunstancias actuais nas que se acha a empresa "poden chegar a comprometer que a prestación de servizos sexa desenvolvida en condicións óptimas de seguridade" para os traballadores que prestan servizos nos quioscos, que no caso de Pontevedra afecta a oito persoas de tres quioscos situados en Rosalía de Castro, praza de Galicia e avenida de Vigo.

Nun comunicado que foi remitido aos representantes dos traballadores este luns 9 de febreiro, a Administración concursal explica que decidiu conceder unha licenza retribuída á totalidade do persoal. A medida aplicarase de forma inmediata e durará ata que o Xulgado do Mercantil número 1 da Coruña tome unha decisión definitiva sobre o Expediente de Regulación de Emprego tramitado no marco do concurso voluntario de acredores.

Con esta medida, os traballadores quedan dispensados da prestación de servizos, pero conservarán o seu salario íntegro, se ben actualmente non o están recibindo, pois xa lles deben as nóminas de novembro, decembro e xaneiro e a paga extra de Nadal.