Limpan a maleza da Ponte Nova de Fentáns

Cerdedo Cotobade
22 de decembro 2021

A luz da súa bóveda, de case 20 metros, é unha das maiores de todas as pontes históricas de Galicia

A ponte de Fentáns, tamén coñecida como A Ponte Nova o Ponte de San Xusto
A ponte de Fentáns, tamén coñecida como A Ponte Nova o Ponte de San Xusto / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade culmina a limpeza e conservación da ponte de Fentáns, tamén coñecida como A Ponte Nova ou Ponte de San Xusto, e que ten datada a súa construción a finais do século XVIII.

Esta actuación enmárcase nas que está levando a cabo o Concello coa colaboración da Axencia Galega de Turismo da Xunta de Galicia e que permitiu o investimento duns 46.000 euros na recuperación patrimonial das tres pontes antigas que cruzan o río Lérez e que dan orixe a unha ruta de sendeirismo de vital importancia para a promoción turística do municipio no marco do xeodestino mancomunado de Terras de Pontevedra.

Ademais da Ponte de Fentáns, o Concello de Cerdedo-Cotobade interveu no viaducto sobre o Lérez de Parada de Cerdedo e Serrapio-Pedre que recuperan grazas a esta actuación o esplendor de tempos pasados ademais de consolidar as súas estruturas de conservación e seguridade.

Os traballos foron executados pola empresa Ecogarden Galicia, que foi a adxudicataria do concurso público. As actuacións realizadas consistiron en labores de limpeza e desbroce de accesos así como dos lugares afectados pola presenza de vexetación invasiva que, en moitos casos, provocaban accións de desgaste e poñían en perigo a propia estabilidade do viaducto.

Tamén se fixeron labores de consolidación e recolocación de pedras que se atopan movidas ou en estado de perigo de desplome coa intención de garantir a seguridade da propia construción así como a súa conservación.