Tras asegurar publicamente que "non hai nada que falar" coa dirección de Elnosa, Miguel Anxo Fernández Lores rectifica e adiantou este xoves que si recibirá aos representantes da empresa electroquímica. Iso si, asegura que o fará para "transmitirlle directamente" o posicionamento claro do Concello de Pontevedra contra a permanencia da súa fábrica no complexo industrial de Lourizán.
Esta reunión, que non ten data fixada, chega despois de que o pasado 23 de setembro o alcalde recibise ao comité de empresa de Elnosa.
En todo caso, Fernández Lores reiterou que "nunca estarei de acordo cunha empresa que quere consolidarse a costa dos cidadáns" e acusou á dirección do grupo portugués CUF, actuais propietarios de Elnosa, de ter "jeta" e crer que a súa compañía ten "dereito de pernada" en Pontevedra.
Reiterou que mentres que os emprendedores pontevedreses "teñen que buscarse a vida", outras compañías foráneas "queren terreos regalados" e que se antepoñan os seus intereses á saúde dos cidadáns, o medio ambiente e a recuperación da ría.
Lores, que entende que Elnosa "estase rindo da xente", avanzou ademais que os plans da empresa para continuar en Lourizán serían de "moi complicada" resolución, debido ás numerosas normativas, sentenzas e catalogacións dos terreos que ocupa en Lourizán. Por tanto, concluíu afirmando que "non se poden quedar".