Primeiro día de traballo para a nova Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra, integrada por membros do BNG co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores á cabeza, mentres non se produzan avances nas negociacións abertas co Partido Socialista para tentar lograr un acordo de goberno.
Lores, ao finalizar a reunión, avanzou que se converte no novo portavoz do goberno muncipal e a primeira tenencia de alcaldía será a concelleira Eva Vilaverde. O alcalde explicou tamén a nova distribución prevista para este inicio de mandato con cinco áreas distintas porque, segundo explicou, se busca unha administración "máis eficiente e racional, adaptada aos novos tempos".
As áreas repártense entre Alcaldía; Servizos Centrais; Territorio e Ambiente; Servizos Municipais e Urbanos; e Igualdade e Promoción do Benestar con Fernández Lores; Eva Vilaverde, Carme da Silva; César Mosquera e Anabel Gulías como coordinadores de cada un destes departamentos, que se atopan divididos en áreas de xestión.
A alcaldía asumirá a portavocía do goberno, a diferenza do anterior mandato; coordinación e dirección política; relacións con outras administracións; convenios con outras administracións e entes do sector público; infraestruturas e actuacións doutras administracións e entes públicos, salvo aquelas funcións que se deleguen de maneira expresa.
Servizos Centrais divídense na área legal e económica, que asume Raimundo González facéndose cargo de secretarías; asesoría xurídica; contratación; contratos de auga e de residuos; intervención; facenda; tesourería; ordenanzas fiscais e económicas; orzamentos e as súas modificacións; e xestión dos fondos europeos.
Tamén contempla servizos non territorializados a cargo de Eva Vilaverde, coordinadora da área, que se ocupará da xestión de recursos humanos, protección cidadá: policía, bombeiros e protección civil; ocupación de espazos públicos; patrimonio; réxime interior, padrón, e novas tecnoloxías na administración.
Territorio e Ambiente divídese en dúas áreas, unha encargarase de planificación do territorio, con Carme da Silva como responsable da ordenación do territorio e do ambiente natural, urbanismo, disciplina ambiental e urbanística; xestión urganística e ambiental; actuacións en materia de vivenda; ARI's; patrimonio histórico edificado e etnográfico.
A outra se centra na xestión ambiental e territorial, con María Xosé Abilleira como responsable, tratando infraestruturas, dotacións e servizos municipais no rural; parques forestais; ríos, praias; fontes e lavadoiros no rural.
César Mosquera como coordinador de Servizos Municipais e Urbanos asumirá a área de mellora urbana tratando a ordenación da mobilidade urbana; impulso do PMUS; urbanizacións e reurbanizacións; estacionamentos e transporte público.
No mesmo departamento, o concelleiro Xaquín Moreda será a persoa que se dedique aos servizos urbanos básicos tratando os espazos públicos urbanos e os elementos de urbanización; recollida e tratamento de residuos; limpeza viaria; subministración municipal de auga potable; fontes urbanas; recollida de augas residuais; parques, xardíns, espazos libres e praias urbanas.
Anabel Gulías coordinará Igualdade e Promoción do Benestar encargándose de igualdade, benestar, saúde e economía tratando temas relacionados coa actividade física e deportiva; xestión das instalacións da actividade física municipais; envellecemento activo; servizos sociais; sanidade; sanidade animal; cemiterios; políticas de emprego; promoción exterior da cidade e do turismo; grandes eventos; turismo; mercados; matadoiro; consumo responsable e promoción do uso das novas tecnoloxías.
Dentro da área, Demetro Gómez será o responsable da dinamización social e cultural tratando actividades culturais e sociais; festas; xestión das instalacións municipais socio culturais; normalización lingüística e cultural; memoria histórica; educación e mocidade.
Esta nova organización, segundo Lores, pretende igualar a carga de traballo entre as nove persoas do BNG que asumen o goberno; asunción de que se trata dunha nova etapa "con mente limpa e con novas ideas e proxectos" que dan lugar a "cambios moi profundos", segundo o alcalde, que mesmo os cualificou de "revolución" coa alcaldía asumindo a exercer directamente máis funcións que as desempeñadas ata o momento.
NEGOCIACIÓNS COA AGRUPACIÓN SOCIALISTA
En canto ás negociacións para alcanzar un acordo co PSOE para o goberno durante este mandato, Lores limitouse a manifestar que esta composición organizativa responde a que "o goberno non pode estar sen responsabilidades".
Fernández Lores confirmou que esta semana haberá novas reunións. "Seguen o seu curso absolutamente normal", sinalou advertindo que está todo "aberto a chegar a acordos", deixando a posibilidade dunha integración dos concelleiros socialistas no goberno ou a través de colaboración exterior.
"Eu non son pitoniso", afirmou sinalando que as negociacións levan os seus ritmos "non podo presupoñer nada. O goberno vai ter una liña moi clara na que queremos maior organización nas áreas e eu vou estar ao mando desa coordinación", admitiu indicando que se realizarán priorizacións máis claras e específicas.