Lores asegura que "non ten sentido" culpar o Concello do encarecemento da vivenda

Pontevedra
09 de abril 2026
Actualizado: 11:35

O alcalde defendeu que o aumento de prezos é unha tendencia global. Aínda así, subliñou que Pontevedra mantén niveis "comparativamente máis baixos" que outras urbes

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra Pablo Ajuria / Brais Porto

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores saíu ao paso das críticas do portavoz municipal do PP, Rafa Domínguez, que considera ao rexedor "único culpable" dos prezos da vivenda porque "no ha hecho absolutamente nada" durante máis de dúas décadas para conter o encarecemento do mercado inmobiliario.

Lores defendeu que o aumento de prezos non é un fenómeno exclusivo da cidade, senón unha tendencia global.

Aínda así, subliñou que Pontevedra mantén niveis "comparativamente máis baixos" que outras urbes tanto do conxunto do Estado como de Galicia.

Na súa intervención, o alcalde deixou entrever certa fartura ante un argumento que, asegura, repítese de forma insistente desde a bancada popular.

O alcalde puxo o foco noutras administracións e lembrou que durante preto de quince anos non se impulsaron promocións de vivenda pública na cidade, unha responsabilidade que atribúe tanto á Xunta como ao Goberno central, titulares das competencias na materia.

Segundo explicou, o Concello chegou a ofrecer solo dispoñible para este tipo de proxectos, pero esas propostas foron rexeitadas no seu momento.

"Agora decidiron facelo e están a disposición, pero puideronse facer hai quince anos", veu sinalar.

Nese repaso histórico, Lores situou a última gran actuación en vivenda pública na etapa do bipartito autonómico, co desenvolvemento de Valdecorvos, cuxas vivendas se entregaron xa baixo o mandato de Alberto Núñez Feijóo.

Desde entón, sostén, apenas houbo avances durante anos, o que, ao seu xuízo, evidencia que a responsabilidade non pode recaer nos concellos.

"Culpar aos concellos non ten sentido", insistiu, reivindicando o labor municipal na cesión de terreos e na facilitación de proxectos.

O rexedor tamén cuestionou a relación directa entre o plan urbanístico e a evolución dos prezos.

A modo de exemplo, citou desenvolvementos en marcha como as preto de 700 vivendas en Tafisa ou distintas promocións en Campolongo, algunhas delas non previstas inicialmente no actual Plan Xeral.

Ademais, lembrou que existen ámbitos urbanizables que tardaron décadas en activarse, como o polígono do Vao, o que, na súa opinión, demostra que o problema non radica unicamente no deseño do plan.

Lores defendeu que Pontevedra dispón aínda de marxe suficiente para crecer en vivenda, mesmo dentro do marco urbanístico vixente, especialmente no ámbito rural.

Segundo os seus cálculos, habería capacidade para levantar máis de 10.000 vivendas adicionais, aínda que matizou que a falta de iniciativa privada é un factor determinante para que ese potencial non se materialice.

En relación con proxectos máis recentes, como o desenvolvemento de San Amaro, o alcalde valorou positivamente a intervención da Xunta ao incrementar a edificabilidade do solo para abaratar custos e facilitar a construción.

Con todo, lamentou a tardanza en adoptar este tipo de medidas, a pesar de que a demanda de vivenda levaba tempo sendo evidente.

O alcalde pechou a súa intervención reivindicando o papel do Concello como garante de servizos e facilitador de solo, á vez que considerou que as críticas da oposición están "fóra de lugar" e non reflicten a realidade da xestión municipal neste ámbito.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora