O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores falou este luns do modelo de cidade na Universidade de Heidelberg.
O alcalde foi convidado pola propia institución académica, que cada semestre organiza unha conferencia para un amplo público, adicada a temas sociais e de actualidade, e que inclúe a presenza de expertos internacionais.
Nesta ocasión foi o rexedor pontevedrés quen tratou de explicar e achegar os fondos cambios e transformacións logradas na Boa Vila ao longo do último cuarto de século, a través dun relatorio baixo o título "Decidir o rumbo cara ao futuro - Mobilidade. Unha cidade pensada para as persoas".
A conferencia foi traducida de xeito simultáneo a oito linguas (alemán, inglés, francés, italiano, xaponés, portugués, ruso e portugués), ademais de ser transmitida ao vivo por streaming desde o salón de actos da facultade de Tradución e Interpretación da Universität Heidelberg, quedando nas súas canles oficiais para ser consultada e compartida no futuro.
O rexedor tratou de explicar as distintas decisións que se foron tomando na cidade de Pontevedra para mellorar a calidade de vida da mesma, tendo como base a idea de que as súas prazas e rúas deben ser para as persoas.
Así, desde a decisión de restrinxir o tráfico ao "imprescindible" no centro da vila, limitar a velocidade ou utilizar o espazo público para todo tipo de actividades; o alumnado puido coñecer os resultados destas accións.
Este martes 6 de maio, o alcalde manterá unha xuntanza co teniente de alcalde Raoul Schmidt-Lamontain, na que agardan poder compartir impresións e ideas sobre a mobilidade, o urbanismo municipal e o futuro das cidades.
