Lores e Luis López, cara a cara tras as críticas desde Pontevedra ao reparto de fondos aos concellos

Pontevedra
15 de outubro 2025

O presidente provincial sostivo que "entendo perfectamente" que os alcaldes, como fixo o de Pontevedra, "sempre esixan máis", pero defendeu o investimento do seu goberno na capital

Luis López e Miguel Anxo Fernández Lores asinando dous convenios
Luis López e Miguel Anxo Fernández Lores asinando dous convenios / Deputación de Pontevedra - Rafa Estévez

Luís López e Miguel Anxo Fernández Lores volveron verse as caras. Foi para a firma de dous novos convenios, correspondentes ao ano 2025, polos que a Deputación achegará 2 millóns de euros para executar diversas actuacións en Pontevedra.

A través dos convenios asinados este mércores polo presidente da Deputación e o alcalde de Pontevedra, o goberno provincial sufragará os 370.000 euros que custará a reforma prevista na rúa Luís Seoane, deseñada para mellorar a accesibilidade neste viario sen saída.

A eles sumaranse 1,6 millóns para contribuír, xunto co Concello -que pon outros 700.000 euros-, á actuación municipal que permitirá renovar a iluminación pública en toda a zona norte e leste da cidade, con especial incidencia nos barrios da Parda e Valdecorvos.

López destacou que se trata de dúas actuacións que o municipio da capital "en base a súa autonomía local" quixo impulsar en colaboración coa Deputación e que, segundo engadiu, "son feitos contables que certifican a liña de entendemento" entre ambas as institucións.

"É o que nos piden os veciños e estamos a darlle cumprimento", destacou o presidente provincial, que defendeu o investimento que o seu goberno realiza en Pontevedra e que cifrou en "máis dun millón de euros" cada mes, 30 millóns en 28 meses de mandato.

Luis López e Miguel Anxo Fernández Lores asinan dous novos convenios
Luis López e Miguel Anxo Fernández Lores asinan dous novos conveniosDeputación de Pontevedra - Rafa Estévez

Dentro dese investimento, Luís López incluíu, entre outras partidas, 16,4 millóns investidos no Museo, 1,6 millóns para recuperar a Bienal, 1,7 millóns para reformar a estrada de Tomeza a Figueirido ou os recursos para apoiar a entidades deportivas, culturais ou veciñais.

Asegurou, a este respecto, que "entendo perfectamente" que os alcaldes, como fixo o de Pontevedra de maneira reiterada, "sempre esixan máis", pero sostivo que moitos rexedores "me trasladan que oxalá a Deputación investira estes 30 millóns nos seus concellos".

De cara a 2026, ademais de asinar novos convenios para incluír os 2,5 millóns anuais que a Deputación concede a Pontevedra, López avanzou que se contemplarán 300.000 euros máis para os Feroz 2026 e 100.000 euros para a gran final das Series Mundiais de tríatlon.

"A da colaboración e o entendemento coas administracións é a liña que debemos seguir porque así nolo reclaman os veciños e só pensamos en seguir colaborando coa cidade de Pontevedra. Pola nosa parte non se vai a perder", sentenciou o dirixente provincial.

Fernández Lores, pola súa banda, destacou que as obras cubertas polos convenios asinados este mércores son "importantes e necesarias" para a cidade de Pontevedra e que xa se atopan en proceso de licitación.

Sobre a contía do investimento provincial na cidade, o alcalde reiterou que non descarta a posibilidade de haxa "algún tipo de incremento" no futuro para compensar as contas.

Lembrou que Pontevedra é a capital da provincia e aínda que entende que a Deputación debe ter "maiores compromisos económicos" cos municipios máis pequenos, confía en que o Concello poida recibir un "pequeno incremento" para outro tipo de actuacións.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora