Lores participa no Congreso Public Value Fest de Lisboa

Pontevedra
27 de maio 2025
Actualizado: 7:02

O modelo urbano de Pontevedra volve ser recoñecido a nivel internacional no foro internacional, onde o alcalde coincidiu co urbanista Carlos Moreno e co candidato á presidencia de Colombia, Gustavo Bolívar

Fernández Lores na Public Value
Fernández Lores na Public Value / Concello de Pontevedra

O modelo urbano de Pontevedra continúa captando a atención internacional. A cidade do Lérez recibirá a Chave do valor público, un galardón que se entrega por primeira vez no congreso Public Value Fest que se está a celebrar estes días en Lisboa.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores desprazouse á capital portuguesa para recoller este recoñecemento en nome da cidade durante este luns 26 e participar como relator neste encontro internacional, que reúne a expertos e representantes de distintos ámbitos para debater sobre o valor do público e a súa aplicación nos campos do goberno, a empresa e a educación.

Durante a súa estancia en Lisboa, Lores tivo a oportunidade de compartir experiencias con outros referentes internacionais no ámbito do urbanismo e a xestión pública.

Entre as diferentes actividades destacou o encontro co prestixioso urbanista franco-colombiano Carlos Moreno, tamén galardoado nesta edición do congreso.

No seu discurso de recepción do premio, Moreno destacou o exemplo de Pontevedra como cidade que logrou unha transformación positiva para a súa cidadanía. O experto, coñecido polo seu concepto da "cidade dos 15 minutos", subliñou que o éxito das transformacións urbanas "non se trata de tamaños ou número de cidadáns, senón de decisións que poden e deben ser tomadas".

Outro dos encontros destacados foi a xuntanza que mantivo o rexedor pontevedrés co político e escritor Gustavo Bolívar, actual candidato á presidencia de Colombia. Bolívar amosou un grande interese polo modelo urbano da Boa Vila e manifestou a súa intención de visitala este mesmo ano, probablemente no mes de setembro, para coñecela de primeira man e estudar o seu modelo urbanístico.

O interese do candidato colombiano súmase á longa lista de representantes políticos, técnicos e expertos internacionais que nos últimos anos se interesaron polo modelo de transformación urbana de Pontevedra, convertida nun elemento identificativo da mobilidade sustentable e recuperación do espazo público para as persoas.

O alcalde de Pontevedra con Carlos Moreno e Gustavo Bolívar
O alcalde de Pontevedra con Carlos Moreno e Gustavo BolívarConcello de Pontevedra

Fernández Lores, que participará hoxe como relator no congreso ás 10:15 horas, valorou positivamente a presenza da cidade neste tipo de encontros internacionais, que demostran "o interese que Pontevedra esperta nos distintos recunchos do planeta e entre os diferentes expertos no eido do urbanismo e a recuperación do espazo público".

O Public Value Fest é un congreso que busca afondar no valor do público e ofrecer enfoques innovadores para abordar a complexidade nos ámbitos interconectados do goberno, a empresa e a educación, apostando por modelos que poñan no centro as necesidades da cidadanía.

Miguel Anxo Fernández Lores na Public Value
Miguel Anxo Fernández Lores na Public ValueConcello de Pontevedra