Lores participa este luns en París na segunda parte da gravación do documental de Canal Arte sobre o modelo urbano

Pontevedra
07 de febreiro 2022

O alcalde de Pontevedra explicará os cambios experimentados na cidade do Lérez nas últimas décadas. A primeira parte do documental fora gravado en Pontevedra en outubro pola canle da televisión francesa

Participación de Lores na Conferencia Nacional do Centro Urbano de Francia Concello de Pontevedra - Arquivo

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, viaxou nas últimas horas a París para participar este luns na segunda parte da gravación do documental que se elabora sobre o modelo de cidade aplicado nas últimas décadas en Pontevedra.

Trátase dun documental da cadea de televisión francesa Canal Arte e céntrase en analizar solucións a preguntas sobre o uso do coche nos espazos urbanos. A produción escolleu Pontevedra, segundo indican desde o goberno local, como referente de mobilidade e con algunhas respostas sobre os debates que se expoñen na actualidade sobre os sistemas que se deben establecer nas cidades do futuro para reducir as contaminacións e dotar de máis espazos aos viandantes.

A primeira parte do documental realizouse nas rúas da capital pontevedresa o 16 de outubro. Xa naquela ocasión recolléronse declaracións do alcalde na contorna da Ferrería.

Fernández Lores viaxará, despois desta gravación, á cidade portuguesa de Porto porque o martes asistirá en Valongo, como convidado, a unha reunión da comisión de Política para a Sustentabilidade Urbana do Eixo Atlántico.