Losada lamenta que o "atraso indefinido" de Montecelo "lastra" a nova comisaría en Mollavao

Pontevedra
05 de maio 2026

O Ministerio do Interior incluíu a nova comisaría de Pontevedra na súa planificación até 2034 cunha previsión de gasto de 9 millóns de euros, segundo indicou o subdelegado do Goberno

Edificio da Casa do Mar de Mollavao

O Goberno mantén entre os seus plans trasladar a comisaría da Policía Nacional a Mollavao. Ocuparía a Casa do Mar, o centro de especialidades do Sergas en Pontevedra. O problema é, precisamente, os seus actuais usuarios.

O inmoble, segundo o subdelegado do Goberno, Abel Losada, "ten un inquilino que non  marcha e non se sabe cando vai a marchar".

Así llo trasladou aos representantes da recentemente constituída asociación veciñal de Mollavao, ante os que asegurou que o "atraso indefinido" nas obras de Montecelo "lastra" os plans de futuro da nova comisaría.

Aínda que o edificio da Casa do Mar é de titularidade estatal, xa que está adscrito á Seguridade Social, é preciso trasladar a Montecelo as consultas médicas que hai alí antes de poder dispor dos terreos.

O Ministerio do Interior incluíu a nova comisaría de Pontevedra na súa planificación até 2034 cunha previsión de gasto de 9 millóns de euros, pero o feito de non saber cando poderá ocupar o inmoble fai o asunto non termine de arrancar.

Reunión da asociación veciñal de Mollavao con Abel LosadaSubdelegación do Goberno en Pontevedra

A intención sería construír esa nova comisaría da Policía Nacional no solar onde se atopa actualmente a Casa do Mar. Para iso, sinalou Losada, xa se deron os "primeiros pasos" para a redacción do proxecto.

Por outra banda, o subdelegado explicou á directiva da asociación, presidida por Mateo González, que a derriba do catro chalés militares da rúa de Rosalía de Castro, dará paso ao desenvolvemento urbanístico de toda esa zona.

Ademais, indicou que a concesión para construír o novo viario de Mollavao para conectar a PO-11 e a PO-546 xa está aprobada e que os espazos laterais deberán ser acondicionados polo Concello como espazo verde.

O goberno municipal comprometeuse a habilitar un aparcadoiro alternativo nos terreos de Malvar, para o que deberá solicitar a declaración de innecesariedade para o dominio público ante do Ministerio de Transición Ecolóxica.

A partir de aí quedará tramitar a desafectación desta parcela, duns 2.000 metros cadrados, un procedemento que dirixirá o Ministerio de Facenda.

Abel Losada, por último, abordou o estado do paseo marítimo até Os Praceres, que segue pendente da solución técnica que deben abordar conxuntamente entre as direccións xerais de Costas e de Estradas do Estado.

A este respecto, insistiu en que xa se está traballando na solución técnica que permita solucionar as inundacións na PO-11 polo efecto das mareas nos días nos que coinciden o temporal e a pleamar.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora