O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, defendeu este mércores a actuación "profesional e impecable" das forzas e corpos de seguridade do Estado no final da etapa de La Vuelta en Mos e durante as protestas en Pontevedra.
O comportamento do medio milleiro de axentes despregados para garantir a seguridade de deportistas e espectadores foi, segundo Losada, "medida, xusta e proporcionada", o que fai que el estea "moi orgulloso" de todos estes efectivos.
Lamentou que "algúns" dos manifestantes no Alto de San Cosme, onde debería terminar a etapa de La Vuelta, chamen "cómplices" do xenocidio en Gaza aos gardas civís e aos policías nacionais que os controlaban.
Eses mesmos axentes, apuntou o subdelegado, estaban "hai poucos días" loitando contra os incendios en Galicia ou "quitando lodo coas súas mans" tras a dana de Valencia, "e volverán estar cando o necesitemos", garantindo a orde en calquera situación.
Losada, que condenou "total e explicitamente" a interrupción da proba deportiva, asegurou que, do mesmo xeito que todo o Goberno, comparte a opinión da "inmensa maioría" dos españois e sostén que o pobo de Palestina está a padecer un "xenocidio execrable".
Xa no ámbito político Abel Losada reclamou "sentidiño" aos dirixentes do PP, aos que acusou de estar "empeñados en sacar rédito político" á conta destas manifestacións cidadás durante La Vuelta.
"Non parece que fora unha boa idea borrar as bandeiras palestinas das estradas con pintura negra", subliñou o delegado, que se pregunta se a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, "ordenaría cargar contra a xente que portaba bandeiras e mensaxes contra o xenocidio".
O representante do Goberno en Pontevedra cre que "non é un bo camiño" que os populares "provoquen, azucen e metan o dedo no ollo" ás persoas que "pensan distinto" e que están "lexitimamente indignados" polo xenocidio que Israel está a cometer en Gaza.
Losada estendeu as súas críticas ao deputado do BNG, Néstor Rego, quen aseguraba estar "orgulloso" de que se interrompeu a etapa de La Vuelta.
Considera que é un "erro", ao entender que "se pode expresar a dor e a repulsa por este xenocidio sen alterar a orde pública e, sobre todo, sen pór en perigo a seguridade das persoas".
"Hai demasiada xente que vive mellor no conflito e eu, honestamente, creo que se equivocan", sentenciou.