Louzán pide a baixa temporal como militante do PP

Pontevedra
29 de decembro 2016

O ex presidente da Deputación e do PP provincial solicitou a baixa temporal "ata que se resolva o procedemento" polo que sentará no banco dos acusados por un delito continuado de suborno impropio. O partido agradece "a súa disposición" e reitera o seu "respecto absoluto pola presunción de inocencia"

Rafael Louzán Mónica Patxot

O ex presidente da Deputación e do PP provincial de Pontevedra, Rafael Louzán, solicitou a baixa temporal como militante do seu partido "ata que se resolva o procedemento" xudicial polo que sentará no banco dos acusados da Audiencia por un presunto delito continuado de suborno impropio.

A decisión adoptouna un día despois de que se dese a coñecer o auto do Xulgado de Instrucción número 2 de Cambados polo que se decreta a apertura de xuízo oral contra Louzán, a súa esposa, Teresa Cores Fernández, por suborno impropio; e contra o ex deputado do PP na Deputación por Pazos de Borbén Severino Reguera Varela, no seu caso por un delito continuado de suborno pasivo. 

Louzán solicitou a suspensión temporal de militancia este xoves e, unha vez que a recibiu, o PP emitiu un comunicado anunciando a noticia e agradecendo "a súa disposición". Ao mesmo tempo, o partido reiterou o seu "respecto absoluto pola presunción de inocencia".

A baixa temporal chega poucas horas despois de que o presidente da Xunta e do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, sinalase nunha rolda de prensa en Santiago que "é evidente que ten que tomar unha decisión" e que "espero que a confirme nas próximas horas" e que comunique ao partido "exactamente esta nova situación procesual na que se atopa e as consecuencias políticas que leva".