Ludotecas e campamentos de verán volverán xogar e aprender coa compostaxe

Pontevedra
01 de xullo 2021

Os gobernos locais teñen aberto o prazo para solicitar a participación gratuíta do Plan Revitaliza da Deputación con diversas actividades destinadas a estas propostas de ocio estivais para escolares da provincia

Actividades educativas do Plan Revitaliza Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra indica que se atopa aberto o prazo para que os Concellos soliciten actividades do Plan Revitaliza para as iniciativas destinadas a escolares que se programen durante este verán.

Segundo sinalan desde a institución provincial, xa se atopan programadas diversas charlas, xogos, talleres e contacontos en municipios como Barro, A Lama, Marín, Cambados ou Portas, entre outros.

Estas actividades destínanse a escolares de Infantil, Primaria e Secundaria que participen en ludotecas ou campamentos de verán durante estes meses estivais. O contido ofrece unha combinación teórica e práctica, coa análise da compostaxe de maneira lúdica para que os menores aprendan como funciona este sistema.

Nesta oferta gratuíta contémplanse actividades de gran éxito infantil como Os Bichocos, Microcompostaxe ou o Xogo da Miñoca, entre outras. Trabállanse en grupos reducidos para garantir a seguridade atendendo ás normas establecidas polas autoridades sanitarias e escolares, coa opción de realizar varios grupos durante unha mesma xornada.

A duración das actividades é dunha hora por grupo e adáptanse ás necesidades específicas de cada Concello.