A Brigada Galicia VII, Brilat, ten novo responsable. O xeneral de brigada Luís Cortés Delgado asume o cargo desde o pasado luns tras a marcha do ata o de agora xeneral xefe, Antonio Romero, para dirixir o Centro de Intelixencia das Forzas Armadas. Este mércores, no seu primeiro día de traballo fóra da base, visitou ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e á subdelegada do Goberno, Maica Larriba, e asegurou que, de todos os destinos que lle podían asignar, estar á fronte da Brigada pontevedresa é o mellor: "Me he llevado el premio gordo".
Luís Cortés ascendeu de coronel a xeneral de brigada fai apenas dez días, o pasado 12 de outubro, e aínda non tomou posesión oficial do novo cargo. Segundo el mesmo anunciou, o próximo 31 de outubro será a súa posta de longo cunha parada militar na o base General Morillo de Figueirido e, nos días previos, está a se poñer ao día coa Brigada.
Procedente da Brigada Paracaidista (Bripac), e con experiencia en misións internacionais como Iraq, xa coñecía a Brilat e, segundo puido saber PontevedraViva, o pasado mes de setembro mesmo presenciou un exercicio de adestramento da Brigada no campo de manobras de Parga, en Lugo, no que formou a outros militares como unidade de referencia na preparación da Forza Terrestre no combate en zonas boscosas.
El mesmo revelou este mércores, tras reunirse con Lores, que xa colaborara coa Brigada no pasado. Ata o de agora, nunca estivera destinado en Galicia, senón que a maior parte da súa vida profesional estivo en Madrid, tanto na Bripac como na UME e no Estado Maior do Exército.
Segundo explicou, na súa mesma promoción ascenderán a xeneral de brigada 12 ou 14 militares e, para eles, "mandar una brigada es la ilusión de cualquier hombre que vista uniforme y que sea de la fuerza" (en alusión ás Forzas Lixeiras, das que forma parte a Brilat, a Lexión e a Bripac). "Por eso me he llevado el premio gordo. Encima, la Brilat, por eso soy la envidia de mis compañeros", engadiu.
Tras a súa reunión con Lores, agradeceu a benvida que lle deu Pontevedra e avanzou que está a coñecer a Brilat e xa puido comprobar que "se ha recuperado de la misión que tuvo en el Líbano y Mali" e que agora "estamos mirando hacia el futuro". Respecto diso, indicou que o Exército está a evolucionar a unha gran velocidade, como a sociedade, coa era da dixitalización, e "temos que mirar cara a este cambio que se nos vén encima".
Ademais, confesouse "encantado" e "impresionado" da cidade de Pontevedra, que considera "un modelo para muchas de las ciudades de nuestra querida España". Hai moitísimos anos que a coñeceu e, co seu regreso, e tras comprobar o cambio experimentado, asegura que "es una magnífica joya, con mayúsculas".
Lores deulle a benvida e, nun xogo de palabras co apelido do novo xeneral, asegurou que "nós somos corteses tamén, aínda que non temos apelido". Avanzou que o Concello e a Brilat teñen unha boa relación institucional e desexou que "estea moi a gusto" na cidade, unha localidade "diferente" e que é un "referente" en moitas cuestións de política municipal.