O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, amosou este luns o seu rexeitamento ás protestas pro Palestina convocadas este martes en Pontevedra, Poio ou Soutomaior, entre outras zonas de provincia, con motivo do paso de La Vuelta Ciclista a España.
López considera que "o non a La Vuelta é un non ao deporte da provincia" e amósase convencido de que os alcaldes e dirixentes dos municipios polos que pasa a carreira ciclista "prefiren que mañá sexa un día de ciclismo e de espetáculo".
A través dun vídeo difundido en redes sociais, o presidente provincial pide que "entre todos sexamos responsables" para "evitar as imaxes dos últimos días" coas protestas rexistradas co paso de La Vuelta por outras provincias, con "caídas, finais suspendidos, interrupcións e intervencións policiais".
Dirixe a súa petición a todos os partidos políticos e "nomeadamente" ao BNG, demandando que "empreguen a súa voz para manifestarse a favor da seguridade da carreira".
Nas súas declaracións manifestouse a favor da liberdade da expresión e do dereito á manifestación, pero en contra de arriscar a seguridade dos ciclistas e do dereito ao boicot.
Pide que este martes sexa un día onde "os protagonistas sexan soamente a carreira e os ciclistas, Galicia e as Rías Baixas".
En relación cos manifestantes, López sinala que comparte a "preocupación ante o drama de Gaza", pero pregúntase se, para estas persoas e colectivos "o que importa en realidade é axitar sempre unha pancarta".
Tamén afea ao BNG que a vicepresidencia da Deputación do Lugo en marzo apoiou a carreira ciclista do Gran Camiño na que participaba o equipo israelita "que agora piden vetar". "Por que non pediron daquela a súa retirada? A doble moral de sempre, para eles sí, para Galicia non", critica.
Unha mensaxe de responsabilidade antes do paso de @lavuelta polas Rías Baixas. pic.twitter.com/OSQDqhDgmu
— Luis López Lugués (@LuisLopezLugues) September 8, 2025