Que Luís Rei sería o candidato de Marea Pontevedra para as eleccións municipais previstas para o ano 2019 era algo xa sabido, pero este venres recibiu a confirmación definitiva. O actual voceiro da agrupación e 'alcaldable' xa en 2015 recibiu o apoio das bases na votación interna celebrada.
Segundo informou Marea Pontevedra, Luís Rei recibiu un total de 96 apoios na primeira fase das primarias do colectivo cidadán, converténdose desta maneira non só como o primeiro 'alcaldable' confirmado en Pontevedra, senón tamén no primeiro candidato elixido por unha marea municipalista de cara aos comicios de 2019.
Xa era coñecido que Luís Rei sería o candidato porque a súa foi a única candidatura que se presentou para o proceso de primarias celebrado en Marea Pontevedra. A comisión electoral confirmouno como candidato, pero faltaba a confirmación definitiva por parte das bases.
Na xornada electoral votaron un total de 97 persoas de entre os 351 inscritos no censo de Marea Pontevedra. Deses votos emitidos, 96 foron válidos e un nulo. Dos válidos, 95 foron para Luís Rei e un estaba en branco.
Agora que esta primeira fase das primarias chegou ao seu fin, desde Marea Pontevedra valoran que o feito que existise un único candidato para encabezar a lista amosa o "alto grado de consenso" que existe arredor do traballo realizado por Marea Pontevedra durante estes tres anos na corporación municipal.
En relación coa baixa participación do censo de Marea na votación, desde o colectivo consideran que o feito de que existira un único candidato puido ter influido na escasa mobilización das bases, pero destacan que Luís Rei recibiu o apoio dun cento de inscritos.