Luz verde ao novo edificio xudicial da Parda

Pontevedra
11 de agosto 2015

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asinaron este martes o acordo polo que se ratifica a aceptación dos terreos da Parda para construír un novo edificio xudicial de máis de 20 millóns de euros

Entrega dos terreos da Parda para construír un novo edificio xudicial Xunta de Galicia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asinaron este martes o acordo polo que se ratifica a aceptación dos terreos da Parda para construír un novo edificio xudicial de máis de 20 millóns de euros.

Ambos mandatarios amosaron a súa "satisfacción" polo sinatura deste documento que da luz verde a unha infraestrutura que segundo salientou Rueda Valenzuela é "moi merecida e necesaria na cidade do Lérez", polo que o executivo autonómico quere licitala á volta do verán e así poder adxudicar as obras antes de que remate o ano.

Deste xeito, pecharase o tortuoso camiño cheo de trabas administrativas que adiaron tres anos o calendario para que a cidade de Pontevedra conte por fin co seu novo edificio xudicial.

Para "non perder un minuto" o vicepresidente suliñou que a consellería de Administracións Públicas e Xustiza xa encargou os proxectos básico e de execución do edificio ao tempo que se facían as expropiacións.

Fernández Lores destacou que "dende o inicio o Concello deixou clara a súa vontade política e económica", asumindo unhas expropiacións que xa deixou pagadas no ano 2012, e modificando o planeamento para facer posible o proxecto. Iso si, mostrou o seu pesar polas trabas xurdidas á hora de rexistralos terreos.

Pola súa banda, Rueda agradeceu a colaboración do concello pontevedrés neste caso e contrapuxo esta actitude coa do Concello de Vigo ao que lle recordou que "cando os concellos colaboran a Xunta de Galicia cumple" e sinalou que no caso de Vigo a petición de terreos para poder construir a Cidade da Xustiza "que é moi necesaria" é moi anterior ao da capital.

NOVAS MELLORAS

Na reunión desta mañá, ademais de asinar a aceptación dos terreos, os arquitectos aproveitaron o encontro para amosarlle ao alcalde e ao seu equipo as últimas achegas feitas ao proxecto polos profesionais da Xustiza. O novo edificio busca o mellor para os seus usuarios e por ese motivo mantivéronse distintas reunións ao longo do proceso con todos os actores xudiciais, que aportaron as súas opinión e suxestións.

O novo edificio xudicial de Pontevedra contará con máis de 21.000 metros cadrados e espazo para albergar máis de 28 unidades xudiciais. O inmoble agrupará todos os xulgados dispersos agora mesmo na cidade e estará comunicado a través dunha pasarela co actual edificio xudicial, formando un único complexo.

Arquivado en